Dúas accións de Palma, cando a primeira metade entraba na súa última fase, abriron as portas ao triunfo do Lugo en Zamora. O mexicano anotou o 0-1 cunha cabezada na área pequena e, cinco minutos despois, provocou o penalti que transformou Gallar. No segundo tempo o equipo de Borja Fernández deu unha lección de seriedade defensiva e só apañou un insuficiente gol de Ramos na derradeira xogada do partido.
Palma pon o picante ao ataque do Lugo
O Lugo pasaba por outra proba de lume para medir o seu potencial na visita ai Ruta de la Plata zamorano. Borja Fernández volveu a mostrarse valente, crendo nas posibilidades do equipo e comezou o partido querendo mandar sobre a formulación de partido do verborreico Óscar Cano, que na pasada campaña conseguiu levar ao equipo a unha estéril fase de ascenso. Tamén era un partido especial para Chiqui, por quen pelexaron ambos clubs pola súa contratación no verán.
A idea do técnico galego debeu ficar aparcada un pedazo, porque foi o Zamora quen tivo máis a pelota durante o primeiro cuarto de hora. Superado o mesmo, Embadje fixo a primeira parada a xute de Costa, que progresou sobre a espiña dorsal do campo.
O Lugo comezou a carburar a partir dese instante- Primeiro equilibrou o dominio lixeiramente e logo estirou o pescozo para cheirar a herba da área do ex amigo Piedra. Dauda, cunha cabezada, deixou no seu poste o selo das intencións do equipo da capital bimilenaria cando o encontro superaba o cuarto de xogo.
Unha das condicións do Lugo 2026/27 é a súa capacidade para golpear aos rivais física e psicoloxicamente. Sen precisar tanta posesión coma os de Cano, anotou na segunda chegada partindo dun saque de banda. Pere Haro colocou a bola na área e o mexicano Palma, no seu segundo partido, primeiro de titular, anticipouse a Vergés para cruzar de cabeza o 0-1. Ían 32 minutos e o Lugo puña o encontro onde desexaba.
O mexicano viviu os seus instantes de gloria porque porque oito minutos máis tarde, tirou o desmarque sen moito espazo para ir a un balón servido por Chiqui e foi derrubado na área por Aleix Gorjón. O penalti transformouno Gallar polo centro.
Seriedade defensiva
Unha dobre substitución de Cano, co ex fabrilista Fabián entre os sacrificados, e un comportamento máis conservador do Lugo, variaron inicialmente o partido, que comezou a segunda metade de xeito semellante á primeira. O mellor do Lugo foi que non se deixou levar e fixo de equipo grande mantendo o rigor defensivo.
O Zamora sabía que tiña que iniciar a reacción axiña e iso volveuse na contra. O equipo albo e vermello caeu en precipitacións diante da orde do cadro lugués, que no Ruta de la Plata vestía de branco e celeste.
Cano intuíu que o que tiña non daba para a virada e moveu máis o banco dando entrada a Hidalgo e a Eric. Antes, Borja Fernández baixara o ritmo de xogo coa entrada de Kevin por Parrilla.
Controlado o xogo interior, taponadas as aberturas por banda, ao Zamora só lle quedaba o recurso da estratexia a balón parado. Izán foi quen máis se achegou ao gol no minuto 70 sacando unha insatisfactoria rendibilidade a esa circunstancia.
No minuto seguinte, Ramos fixo vibrar cun disparo o traveseiro. Até a sorte acompañaba ao Lugo, que respondeu inmediatamente cun remate que escapou por pouco diante dur perplexo Piedra, que ficou de ídem.
O Lugo xogou en superioridade na parte final. Luismi, doente, debeu retirarse do campo cando o Zamora xa gastara todas as substitucións. Os de Borja Fernández acabaron por matar o partido, que se volveu moi lento. Malia todo, cando non había tempo para máis, Ramos atopou o buraco que lle faltara antes e reduciu a diferenza cun libre directo cando non había tempo para máis.
O Lugo continúa a dar satisfaccións de resultados e xogo e xa espera a visita do Racing de Ferrol o próximo sábado no Ángel Carro.
Ficha
DOMINGO 20/09/2026 (18,15) Campo: RUTA DE LA PLATA (3.114)
ZAMORA C.F. : 1 – C.D. LUGO : 2 (0‑2)
ZAM : Piedra; Moreno (Sancho D), Luismi, Aleix Gorjón, Vergés (Eric Gómez 58’); Ramos, Iago Indias, Mauro (Hidalgo 58’); Fabián (Mascaró D), Losada, Izan (Carbonell 78’). Tre. Óscar Cano. (Banco: Fran Árbol (g); José Albert; Isaiah; Juanje).
LUG : Embadje; Lucero, Pol Moreno, Gárriz, Pere Haro; Palma, Parrilla (Kevin 58’), Gallar (Godoy 69’), Ulloa (Álex Costa 76’), Chiqui (Berzal 69’); Dauda (Kike 76’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Marc Matínez (g); Achore; Hugo Pascual; Simón; Perera; Mateo; Morchiladze).
Goles: 0-1 Palma 32’; 0-2 Gallar 41’(p); 1-2 Ramos 90’.
Árbitro: García Gómez (Estremadura). Auxiliares: Prat Hernández e Gago García. 4º árb.: García Padilla.
Disciplina: CA: Luismi 26‘; Losada 44‘; Pere Haro 66’; Pau Mascaró 75‘; Ulloa 75’; Kike 78’.