O Ineltrón leva o partido tras dúas prórrogas.
Tarde de emocións no último partido da Copa Galicia do Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Nun partido no que a igualdade foi a nota dominante, e no que ninguén conseguía dar o último golpe, o conxunto betanceiro logrou acertar no último ataque, cunha celebrada tripla do júnior Arón Espiñeira, dando así remate a un partido que chegou a sumar dúas prórrogas. Comparecía o Ucoga Seguros Chantada sen Cristian Iglesias e con Vanilson Mandim vestido de curto pero sen entrar na rotación, e o Santo Domingo Betanzos, coa baixa de Luis Portilla e a lesión de Miguel Latas nos primeiros compases do partido, acabou por igualar o encontro na faceta de ausencias, para fiar o partido ás defensas. Chegou o partido ao descanso cun 40-37, certificando a igualdade do 1Q (26- 22), pero unha agresiva defensa zonal dos de Fafián propiciou un 10-25 de parcial co que os lucenses, sumada a primeira canastra do último período regulamentario, conseguiron poñerse 14 arriba (50-64). A partir de aí, o mellor Santo: un conxunto que soubo remar contracorrente e que a piques estivo de levar o partido con dous tiros libres a falta de 9 décimas para Pablo Ríos, que soubo sobrepoñerse ao fallo do primeiro e forzar a primeira prórroga. A partir de ai, golpes de un e outro lado, con Randolph e Abelleira sumando responsabilidades, ata a tripla final de Arón a poucos segundos de rematar o segundo período extra.
Así valoraba o partido José Amando Pena “Soviético”, o adestrador local: “O mellor do partido, o resultado. Tivemos moitas imprecisións en ataque, non fomos capaces de impor o noso xogo contra a defensa individual. A partir do segundo cuarto, o Chantada implantou unha defensa zonal 3-2 que nos custaba moito atacala con fluidez. En defensa custounos moito pechar o rebote, o que lles permitía atacar dúas veces en cada posesión. Temos que traballar duro estas dúas semanas antes de empezar a liga, a ver se somos capaces de recuperar a Luis e a Latas para os primeiros partidos”.
Descanso a vindeira semana e estrea ligueira, dentro de dúas, no pavillón do mesmo rival: Ucoga Seguros Chantada.