O BNG de Lugo propón construír un estacionamento en altura na rúa Primavera para crear 90 prazas e aliviar o aparcadoiro en Fontiñas

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou este luns unha proposta para ampliar a dispoñibilidade de estacionamento na zona de Fontiñas. A iniciativa consiste en aproveitar a parte do terreo que non vai ser edificada na parcela situada entre a rúa Primavera e o Carril das Flores para levantar unha estrutura de tres alturas que permita dar acubillo a preto de 90 vehículos.

A proposta xorde tras coñecerse que o propietario do solar prevé a construción de vivendas na zona. Segundo explicou Arroxo, a solución do BNG permitiría multiplicar a capacidade do espazo destinado a aparcadoiro, triplicando as 30 prazas que se barallan na actualidade ata acadar preto de 90, o que suporía un alivio significativo para a falta de estacionamento que padece o barrio sen impedir o desenvolvemento urbanístico da propiedade privada.

Críticas á xestión da Xunta de Galicia

Durante a súa intervención, o portavoz do BNG lembrou que a Xunta de Galicia «perdeu outra oportunidade» para solucionar as necesidades de Fontiñas. Arroxo criticou que, tras anunciar no ano 2022 a creación de aparcadoiros nas cidades galegas, o Goberno autonómico decidise situar o de Lugo no barrio de Casás.

«A Xunta gastou un millón de euros nun aparcadoiro en Casás, un sitio onde non era necesario, e no que actualmente vemos tan só un ou dous coches cada día, mentres que Fontiñas continúa a ter unha necesidade real de estacionamento e tres anos despois non deron ningún paso», denunciou o líder nacionalista.

Con esta proposta na rúa Primavera, o BNG busca ofrecer unha alternativa viable para resolver un problema crónico de mobilidade e aparcadoiro na contorna de Fontiñas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios