O Concello de Lugo inviste máis de 260.000 euros no programa Novo Norte para dixitalizar a auga e os residuos

O Concello de Lugo vén de licitar tres novas actuacións orientadas a modernizar os servizos municipais e mellorar a xestión ambiental da cidade. Os proxectos, financiados a través da estratexia Novo Norte, inclúen dúas iniciativas para optimizar a rede de auga e un sistema de recollida intelixente de residuos de vidro, sumando un investimento conxunto inicial de máis de 264.000 euros.

A actuación de maior contía é a licitación de contedores de vidro intelixentes de 3.000 litros, cun orzamento de 200.000 euros. Estas unidades incorporarán sensores integrados na plataforma Lugo Smart que monitorizarán o nivel de carga en tempo real. Esto permitirá planificar as rutas dos camións segundo a necesidade real, reducindo desprazamentos innecesarios e emisións. Ademais, os colectores contarán con alertas automáticas ante envolcos ou incendios.

Dixitalización e reutilización na rede de auga

No eixe da xestión hídrica, o Concello sacou a licitación a redacción do proxecto para o sistema de auga rexenerada de Lugo (50.000 euros). O estudo definirá as infraestruturas e os controis sanitarios necesarios para aproveitar a auga depurada en usos autorizados, como o rego ou a limpeza urbana, reutilizando ademais equipos xa existentes.

A terceira medida consiste na redacción do proxecto de dixitalización e sectorización da rede municipal de abastecemento (14.999,99 euros). Con esta iniciativa instalaranse caudalímetros e sensores de presión para detectar fugas, mellorar o control dos caudais e enviar os datos en tempo real aos sistemas de xestión do Concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios