Participarán impulsores e asistentes ao SIAC de 1976, como os arquitectos César Portela, Salvador Tarragó ou Miguel Ángel Baldellou, ademais de David Chipperfield que ofrecerá unha reflexión actualizada sobre as preocupacións da arquitectura contemporánea
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza, como acto final da exposición sobre Rafael Baltar no Museo do Pobo Galego, “A pegada do SIAC”, unha xornada en lembranza do ‘I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela’ celebrado en 1976.
Fai 50 anos, en setembro de 1976, Santiago acollía o I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela, un evento que supuxo unha aposta pola modernidade, polo diálogo e por poñer en contacto a realidade galega co mundo internacional, dentro dun momento histórico marcado pola ilusión da chegada de tempos novos.
Dirixido polo arquitecto italiano Aldo Rossi, e impulsado polo arquitecto galego César Portela e o arquitecto catalán Salvador Tarragó, baixo o lema “Proxecto e cidade histórica”, o SIAC reuniu en Santiago a unha xeración que viña a discutir como intervir nos cascos históricos e que forma debía tomar a cidade que se estaba construíndo. Aquel encontro deixou pegada nos participantes, na súa maneira de mirar Compostela, e na cultura arquitectónica galega das décadas seguintes. Trala celebración do seminario, Aldo Rossi, Justo G. Beramendi, Salvador Tarragó e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia editaron o libro «Proyecto y ciudad histórica» (1977), unha publicación que foi o testemuño do I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela.
Na xornada, que se desenvolverá o vindeiro mércores, 23 de setembro, a partir das 17:00 horas no salón de actos do Museo do Pobo Galego (Costa de San Domingos, 3), participarán impulsores e asistentes ao seminario, xunto a unha serie de reflexións actualizadas sobre as preocupacións da arquitectura contemporánea, nun percorrido que vai do contexto galego dos anos 70 a un momento actual no que se debe debater sobre as cousas que Santiago aínda ten pendente de pensar.
Programa da xornada
-17:00 h. Presentación del acto.
-17:15 h. “A arquitectura galega nos anos 70”. Miguel Ángel Baldellou e Pablo Gallego. O catedrático Miguel Ángel Baldellou foi un arquitecto moi activo na década dos 70 e os seus artigos e investigacións influenciaron claramente no SIAC, a creación do COAG e da ETSAC. Publicou na revista ‘Hogar y Arquitectura’ o texto “Panorama de la arquitectura actual en Galicia”. Está considerado pola historiografía como a primeira análise crítica que fixou as bases teóricas e o canon da arquitectura galega contemporánea en resposta ao seu territorio e cultura. Tamén ten unha profunda investigación sobre o arquitecto Alejandro de la Sota.
-17:45 h. “O impulso do SIAC”. Os arquitectos César Portela e Salvador Tarragó, que foi secretario do SIAC. Presenta Sandra González. Tarragó foi o gran introdutor do pensamento de Aldo Rossi e a morfoloxía urbana teórica en España. a través da revista 2C da que foi fundador e director.
-18:15 h. “Influencia e pegada”. Os arquitectos Xosé Lois Martínez e Teresa Fonseca. Presenta Paula Franjo.
-18:45 h. Descanso.
-19:00 h. “O que queda por pensar en Santiago”. Os arquitectos Lucía Cerrada e Henrique Seoane.
-19:30 h. “O campo de investigación contemporáneo”. O arquitecto David Chipperfield. Presenta o decano do COAG, Luciano Alfaya. Conversa na que se debaterá sobre como avanzou a arquitectura e como é agora en contraposición a 1976.
-20:00 h. Peche da xornada.
A entrada é libre con inscrición previa no seguinte ENLACE.
Sobre a exposición “Rafael Baltar. Testemuña dun tempo”
A exposición “Rafael Baltar, testemuña dun tempo. Arquitectura e compromiso nunha Galicia en transformación”, comisariada polas arquitectas Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, poderase visitar ata o 27 de setembro no Museo do Pobo Galego. Propón un percorrido por algúns dos momentos clave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar, unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender a arquitectura e a cultura galegas. A mostra está organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a súa Delegación de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), coa colaboración da Xunta de Galicia.
Rafael Baltar Tojo (Santiago de Compostela, 1933-2004) –arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico e autor— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra recolle a súa obra construída e escrita, e tamén o nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC (Seminario Internacional de Arquitectura Contemporánea), a Escola Técnica Superior de Arquitectura a Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste modo, a exposición conmemora tamén o 50 aniversario da creación da Xunta Xestora e da constitución do Padroado do Museo, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.