A Deputación de Lugo aclara que informou ás familias e cobre o 100 % das prazas na residencia de Ribadeo

A Deputación de Lugo respondeu mediante un comunicado ás recentes declaracións do Concello de Ribadeo relativas á actualización das tarifas no Centro de Atención a Persoas Maiores (CAM) da localidade, aclarando que o organismo provincial informou de xeito transparente, público e individualizado a todas as familias afectadas.

Dende a institución provincial sinalan que os novos prezos públicos expuxéronse no taboleiro de anuncios do centro e que a dirección contactou de forma personalizada coas 21 familias máis afectadas. Un total de 19 familias foron recibidas e atendidas de xeito individual por técnicos provinciais o pasado 8 de xuño para resolver dúbidas, completando a atención por vía telefónica con aquelas que non puideron acudir. Como proba da calidade e demanda do servizo, a Deputación destaca que a residencia pasou de 46 a ter actualmente cubertas a totalidade das súas 48 prazas.

Prezos axustados á capacidade económica e á Dependencia

A Deputación lembra que os prezos das residencias provinciais levaban oito anos sen modificarse e que a actualización fixa uns topes máximos que a gran maioría dos usuarios non chega a pagar. Na actualidade, o prezo medio real que abona unha persoa dependente é de 1.726,37 euros ao mes, mentres que no caso dunha persoa autónoma sitúase en 1.418,85 euros.

Co fin de garantir que «ninguén pague máis do que pode pagar», o cálculo efectúase en función da pensión, os recursos líquidos (aforros e ingresos por alugueres) e as axudas da Ley de Dependencia —que poden superar os 840 euros ao mes—. Ningunha persoa usuaria paga máis de 2.200 euros ao mes (salvo petición voluntaria de habitación individual sen criterio terapéutico), e atendense mesmo a persoas sen ingresos.

Asunción dos custos fronte á falta de achega autonómica

No apartado de financiamento, a Deputación de Lugo subliña que asumiu a construción do centro cun investimento de 2,32 millóns de euros —incluídos os 500.000 euros comprometidos inicialmente pola Xunta que non se chegaron a aportar— fronte aos 364.771 euros do Concello.

En canto ao mantemento no período 2019-2025, a institución provincial financiou o 74,71 % da xestión (1.798.440 euros) e o Concello 608.792 euros. Pola súa banda, a achega da Xunta á construción e xestión do centro limítase a 6.479,42 euros procedentes de fondos europeos postpandemia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios