12,5 millóns, 25 películas e cero en galego: Carme da Silva pregunta a RTVE onde queda o cinema galego

A senadora do BNG reclama explicacións á corporación estatal pola ausencia de produción galega na última selección de cinema de RTVE.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, vén de rexistrar iniciativas para coñecer os motivos polos que ningunha produción galega figura entre as 25 seleccionadas pola segunda mesa de valoración de cinema de RTVE de xullo de 2026, convocatoria dotada con 12,5 millóns de euros.

“Se RTVE estabelece entre os seus criterios a diversidade lingüística e a promoción das linguas oficiais distintas do español, queremos saber por que ningunha peza audiovisual galega aparece nas 25 longametraxes seleccionadas” require a senadora do BNG, sinalando que, en contraposición, si que aparecen cinco títulos en versión orixinal catalá, dous en euskera, unha en valenciano e outro en aranés.

A ausencia do galego require explicacións

Carme da Silva quere saber, en primeiro lugar, se se presentaron producións galegas a esta convocatoria e, de seren así, cantas e cales foron excluídas e por que motivos. A senadora non entende “esta posíbel exclusión” -ironiza- xa que, na actualidade, existe unha importante e destacada produción audiovisual na Galiza.

“Se RTVE destaca entre as características das obras seleccionadas a súa diversidade lingüística, por que non está garantindo un tratamento efectivo as distintas linguas oficiais?” pregunta.

“A defensa do plurilingüísmo non pode quedar nunha declaración formal, senón que debe traducirse nun apoio efectivo á creación audiovisual en galego e na súa difusión e proxección” defende a senadora do BNG. Cómpre garantir, polo tanto, que o galego teña presenza real nas políticas de apoio, financiamento e difusión do audiovisual.

Para o BNG, é preciso romper o histórico monocultivo cultural e respectar verdadeiramente o plurilingüísmo e “iso pasa por impulsar producións culturais no resto de linguas oficiais”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios