A Deputación de Lugo reforzou os medios e a preparación dos efectivos do parque de bombeiros de Vilalba para mellorar a eficacia das súas intervencións en instalacións eólicas e noutros escenarios que requiran traballos ou rescates en altura. Grazas á colaboración con Naturgy Energías Renovables, o parque incorporou esta semana novo material especializado por un valor de 7.000 euros.
A entrega do equipamento tivo lugar tras a realización dun simulacro no que se puido actuar ante a emerxencia dunha persoa atrapada nun aeroxerador de Cova da Serpe. Durante o exercicio, os efectivos do Consorcio Provincial puxeron en práctica os protocolos de acceso á instalación, aseguramento e evacuación do afectado, empregando os equipos específicos de protección. Entre o material cedido figuran sistemas anticaídas, arneses de rescate, cordas e diversos elementos de seguridade de alta prestación.
Este tipo de adestramentos permite aos profesionais actuar con maior coordinación e rapidez en escenarios de alta complexidade técnica como os parques eólicos, cuxa altura e singularidade requiren técnicas de intervención moi específicas.
Novas emisoras, formación e incremento do cadro de persoal
Esta actuación forma parte do plan de reforzo integral dos medios, a formación e o persoal dos seis parques do Consorcio Provincial (Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada). Entre as medidas impulsadas pola Deputación destacan a incorporación de 72 novas emisoras dixitais, programas de formación continua para todo o cadro de persoal e o proceso selectivo en marcha para cubrir 37 prazas de bombeiro-condutor.