Rego esixe ao Goberno medidas efectivas en vivenda e nos prezos dos combustíbeis

O deputado do BNG reclama a prohibición dos desafiuzamentos, topar os alugueres e as hipotecas, tamén os prezos dos combustíbeis.

 O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceu esta mañá en rolda de prensa no Congreso para reclamar ao Goberno medidas efectivas en vivenda para prohibir os desafiuzamentos, topar os alugueres e as hipotecas e impulsar vivenda pública. O deputado nacionalista reclama, ademais, atender as demandas dos sectores pesqueiro e agrogandeiro para conter os prezos dos combustíbeis, que colocan en risco a súa actividade económica.

Néstor Rego, voltou a reclamar ao Goberno español medidas efectivas que garantan o dereito a unha vivenda digna e permitan resolver a crise habitacional que é vivida hoxe como un dos principais problemas por parte de amplos sectores sociais, especialmente da mocidade.

Co eco do desafiuzamento onte de Maricarmen, Rego afirmou que “Maricarmen non pode ser o rostro dunha política que chega tarde. Non se pode desafiuzar en situación de vulnerabilidade” e censurou a situación de prezos de alugueres imposíbeis que sofren cada día millares de mozos e mozas galegas que achan enormes dificultades para desenvolver o seu proxecto de vida independente.

A pesar de que a vivenda é competencia autonómica, subliñou, “o Estado ten responsabilidade na normativa básica” e criticou a falta de medidas efectivas que garantan o dereito a unha vivenda. “O Goberno ten que dicir de que lado está: se dos que precisan unha vivenda ou dos que fan negocio con ela”. Nese sentido, lembrou que o Goberno leva anos “anunciando que poría máis de 100.000 vivendas públicas en marcha, e aínda non o fixo,  de feito presentou o portal web de Casa47 coa ridícula cantiade de 600 vivendas”.

“Na Galiza hai 3.000 vivendas da Sareb que se poderían pór a disposición de quen as necesita, mais esta entidade actúa como un fondo voitre e especula con elas. O mesmo que fai Defensa coas súas vivendas, por exemplo en Ferrol”, afirmou. Rego acusou tamén a Xunta de “boicotear a declaración de zonas tensionadas na Galiza cunha actuación indecente e, aínda por riba, de pretender apropiarse dos fondos estatais que corresponden a Santiago de Compostela e A Coruña, para alén de non facer nada en materia de vivenda pública. 

“Precísase un novo escudo social amplo”

Néstor Rego puxo tamén o foco na escalada alcista dos prezos e na carestía da vida que está a vivir a poboación e sectores produtivos básicos na Galiza como o agro e a pesca. “A guerra de EUA contra o Irán fixo aumentar os prezos dos combustíbeis, da alimentación e dos servizos de forma exponencial. No caso dos combustíbeis nun 30% desde xuño para os consumidores, porén con afectación aínda maior en sectores como a pesca (90%), a agricultura e a gandaría (50%)”. 

“Se o goberno non intervén, topando os prezos dos combustíbeis, está a colocar en risco o futuro destes sectores dos que dependen millares de postos de traballo na Galiza e que son piares básicos da nosa economía”. Por iso, reclamou ao Executivo que poña en marcha medidas de contención dos prezos dos combustíbeis para que os sectores produtivos non  traballen a perdas.

Néstor Rego puxo enriba da mesa a necesidade dun “novo escudo social amplo. Con medidas efectivas en vivenda: prohibición dos desafiuzamentos, topes nos alugueres e nas hipotecas, prohibición dos cortes de subministracións, topes nos combustíbeis, así como a recuperación dos impostos ás enerxéticas e aos bancos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios