O presidente da Deputación, Luis Menor, deu a benvida ás delegacións internacionais na 24ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar deste proxecto que “volve a casa, tralo éxito da pasada edición en Colombia”.
Ourense volve a converterse no epicentro internacional do turismo de saúde coa celebración da 24ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar. Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor destacou hoxe, no acto inaugural da feira, que co seu regreso a “súa casa, a Ourense tras o seu éxito en Colombia”, a provincia reafírmase como a “capital termal do mundo”, sendo o territorio co maior número de balnearios de España e un dos de maior concentración de recursos termais de Europa.
Máis alá de ser un motor turístico, o termalismo consolídase como unha política pública e estratéxica fundamental. Así o acredita a traxectoria do Programa de Termalismo Social da Deputación, que tras 11 anos en funcionamento, logra cifras destacadas: máis de 27.800 beneficiarios, preto de 90.000 pernoctacións e máis de 202.000 técnicas termais aplicadas, incorporando ademais recentemente o balneario de Allariz.
A Deputación participa este ano en Termatalia baixo o lema “Ourense sabe a termalismo. E ti, canto sabes?”, para dar a coñecer as novas liñas de acción deseñadas para adaptar os recursos termais da provincia ás realidades e necesidades sociais máis actuais, consolidando a Ourense como un referente transversal do sector.
Coa vantaxe estratéxica da Alta Velocidade ferroviaria -lembrou o presidente provincial-, Ourense consolida a súa oferta como un modelo de turismo sostible, desestacionalizado e accesible durante os doce meses do ano.
Termalismo social e inclusivo: Benestar ao servizo das persoas
Dentro desta nova folla de ruta, a Deputación pon o foco no impacto terapéutico e humano das augas termais. Para iso, desprega novas ferramentas e programas orientados a combater a soidade non desexada, un dos grandes retos sociais dos nosos tempos, fomentando espazos de encontro e convivencia. A carón desta liña, impulsaranse accións específicas deseñadas para persoas con deterioro cognitivo leve, empregando o recurso termal como un dinamizador da saúde integral. Este bloque de iniciativas inclúe ademais a vangardista proposta Termalismo con Estrelas, que combina o patrimonio natural e termal coa divulgación e o lecer.
Rede de Sendeiros Azuis: Integración laboral e coidado do entorno
O compromiso coa sustentabilidade e a contorna natural tradúcese na consolidación da Rede de Sendeiros Azuis da provincia. Como novidade, se presentaron os cinco novos distintivos de calidade para itinerarios directamente vinculados aos espazos termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia. Esta rede de rutas non só enriquecerá a oferta turística e de sendeirismo, senón que integrará unha forte dimensión social: o mantemento e coidado destes espazos levarase a cabo a través dun centro especial de emprego, promovendo a inclusión laboral directa e estable de persoas con discapacidade.
Innovación e dinamización para todos os públicos
A oferta institucional da Deputación de Ourense en Termatalia complétase cunha aposta pola divulgación activa e participativa. A través da iniciativa interactiva e lúdica “Xira e descubre os misterios termais de Ourense”, preténdese achegar a riqueza hidrotermal do territorio tanto ao público profesional como ao visitante xeral, descubrindo os segredos, a historia e as propiedades das augas ourensás dun xeito orixinal e ameno.
Con esta participación en Termatalia, a Deputación reafirma o termalismo non só como un motor económico e turístico de primeira orde, senón tamén como unha ferramenta fundamental para a cohesión social, a integración laboral e o benestar da cidadanía.