A Deputación da Coruña recoñece na entrega de premios dos Circuítos de Carreiras Populares e de Pista o esforzo das máis de 16.000 persoas participantes

Antonio Leira destacou que un dos obxectivos da institución provincial é “achegar o deporte a toda a cidadanía, e de maneira especial, ás novas xeracións”.

A Deputación da Coruña celebrou hoxe a entrega dos premios dos seus Circuítos de Carreiras Populares e de Pista correspondentes ao ano 2025. Trátase de dous programas que cada ano contan cunha maior participación e que se consolidaron como citas deportivas moi demandadas pola cidadanía.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou na súa intervención que máis de 16.000 persoas participaron en ambos circuítos ao longo do ano, o que demostra “o gran interese que existe na provincia pola práctica do atletismo, especialmente polas  probas populares e de base”. Asegurou tamén que para a Deputación é “un orgullo” impulsar actividades con tanta demanda, “que permiten achegar o deporte a toda a cidadanía e, de maneira especial, ás novas xeracións”.

Leira salientou que o fomento da actividade física desde idades temperás “é unha prioridade, tanto para crear hábitos de vida saudables como para contribuír a consolidar a práctica deportiva durante a adolescencia e a idade adulta”. “A entrega destes premios supón un recoñecemento ao esforzo, á constancia e á participación de todas as persoas que formaron parte dos circuitos durante todo o ano pasado”, engadiu antes de animalos a todos e todas, “especialmente aos máis novos”, a continuar vinculados ao deporte.

Entre os cerca de oitenta participantes premiados entre todas as categorías, destacan Jaci Mello e Danel de Vries Loureiro, campión e campioa absolutos, respectivamente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios