A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) participou nas xornadas “AGROSOCIAL2026: Valoración de residuos agrogandeiros e forestais para a saúde do solo e a economía circular”, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no campus de Lugo.
No marco deste encontro, Víctor Coira, responsable do departamento de Calidade e Innovación Alimentaria de AGACA, presentou o Proxecto ANCARES (“Ferramentas innovadoras para a análise do uso do solo e nivel de carbono en agroecosistemas de rexións lácteas sostibles”). O obxectivo principal desta iniciativa é desenvolver e implementar unha ferramenta dixital que axude ás granxas de vacún de leite de Galicia e Asturias a avaliar a saúde dos seus solos, caracterizar o territorio e cuantificar a súa capacidade de secuestro de carbono.
Intelixencia de datos e teledetección para unha xestión sostible
Para acadar estes resultados, o proxecto leva a cabo probas piloto nas que se comparan diferentes estratexias de cultivo e fertilización —como o uso de fertilización habitual fronte á aplicación de dixestato—. Mediante a combinación de técnicas de teledetección, drons e mostraxes de biomasa, a ferramenta permitirá:
- Detectar deficiencias de nitróxeno nos cultivos.
- Analizar a resposta do solo fronte a distintos insumos.
- Cuantificar o potencial de secuestro de carbono de cada explotación.
- Facilitar a toma de decisións para axustar as prácticas de xestión ás necesidades reais de cada granxa.
Unha alianza supraautonómica entre o sector, a investigación e a tecnoloxía
O Proxecto ANCARES reúne a seis entidades clave de Galicia e Asturias. AGACA e Central Lechera Asturiana representan ao sector lácteo; a investigación e o coñecemento científico corren a cargo da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad de Oviedo; o desenvolvemento tecnolóxico asúmeo o Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS); e a coordinación xeral é responsabilidade de Medrar Smart Solutions. O proxecto, que deu comezo en xaneiro de 2026, estenderase ata xaneiro de 2029.
Información sobre o financiamento:
O Proxecto ANCARES é unha iniciativa de innovación de interese xeral desenvolvida no marco dos grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en Materia de Produtividade e Sostibilidade Agrícolas (AEI-Agri), no contexto do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria é a autoridade encargada da aplicación destas axudas. O proxecto conta cun orzamento total de 596.769,91 €, financiado ao 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e ao 20% pola Administración Xeral do Estado a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.