O Grupo Provincial do PP prepara en Bruxelas unha axenda de traballo centrada nas necesidades e oportunidades da provincia de Lugo

Antonio Ameijide destaca que a visita terá como principal obxectivo manter diferentes reunións de traballo para coñecer de primeira man as políticas e liñas de actuación da Unión Europea que afectan directamente á provincia de Lugo e tecer as relacións e coñecementos necesarios para que a provincia e os nosos municipios se beneficien de todos estes recursos de Europa.

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, mantivo unha reunión co eurodeputado Adrián Vázquez para avanzar na planificación da axenda de traballo que desenvolverá en Bruxelas a representación do Grupo Provincial Popular.

Antonio Ameijide explicou que a visita terá como principal obxectivo manter diferentes reunións de traballo para coñecer de primeira man as políticas e liñas de actuación da Unión Europea que afectan directamente á provincia de Lugo, como poden ser a agricultura e a gandaría, o sector pesqueiro, o desenvolvemento industrial e o aproveitamento dos fondos e programas europeos.
Ameijide destacou que “Europa está presente no día a día dos nosos concellos e das nosas empresas, explotacións agrarias, industrias e portos, polo que é fundamental coñecer as oportunidades que ofrece e, ao mesmo tempo, facer chegar a Bruxelas a realidade e as necesidades de Lugo”.

“Estas xuntanzas son moi importantes para Lugo e así poder tecer as relacións e os coñecementos necesarios que a provincia e os nosos municipios se beneficien de todos os recursos de Europa”, explicou.

O voceiro popular considera que “Europa representa unha fonte importante de oportunidades para unha provincia como Lugo, especialmente a través das políticas de cohesión, os fondos destinados ao desenvolvemento rural, o apoio aos sectores primarios, a modernización das infraestruturas e os programas orientados á competitividade e á creación de emprego”.

A representación do Grupo Provincial Popular aproveitará a súa estancia en Bruxelas para abordar cuestións que afectan directamente á actividade económica da provincia, prestando especial atención aos sectores que xeran emprego e riqueza no territorio.

A reunión con Adrián Vázquez permitiu tamén avanzar na definición dunha axenda de encontros e traballo que permita aproveitar ao máximo a presenza da representación provincial na capital comunitaria, facilitando o contacto con responsables e representantes das institucións europeas.

A visita a Bruxelas permitirá coñecer de primeira man as prioridades da Unión Europea e analizar como poden encaixar coas necesidades dunha provincia que conta con importantes potencialidades nos ámbitos agrogandeiro, pesqueiro, forestal, industrial e turístico, así como cun amplo territorio rural que precisa de políticas que favorezan a actividade económica, o emprego e a fixación de poboación.

IMPORTANCIA DA VISITA
Pola súa banda, o eurodiputado Adrián Vázquez recordou como están a defender os intereses de Galicia en Europa. “Prometemos ser a correa de transmisión dos problemas dos galegos en Bruxelas e estamos a cumprir ata co último concello”.

Neste senso, destacou que “é importante pisar e entender Bruxelas para atraer investimentos, boas prácticas e oportunidades para cada concello”, polo que puxo de relieve a visita do Grupo Provincial Popular: “Os fondos europeos enfróntanse a unha gran transformación estrutural. Por iso, a visita de deputados provinciais do próximo mes é tan importante. Gústame moito como os equipos locais, a Xunta, os parlamentarios nacionais e os eurodeputados estamos a traballar xuntos e coordinados en defensa de Galicia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios