O senador mariñán pide unha consideración específica para o palangre de fondo e máis participación do sector e das comunidades costeiras antes de adoptar novas restricions.
O senador mariñán José Manuel Balseiro defenderá este luns na Comisión de Pesca do Senado unha iniciativa do Grupo Popular na que se reclama ao Goberno de España que promova ante as institucións da Unión Europea a revisión das restricións á pesca de fondo establecidas en 87 zonas do Atlántico nororiental e a defensa do palangre de fondo.
A iniciativa pon o foco nunha medida adoptada pola Comisión Europea o 19 de setembro de 2022 para a protección de ecosistemas mariños vulnerables e que supuxo o peche de amplas áreas de pesca ás artes de fondo. O Grupo Popular considera necesario revisar a delimitación das áreas afectadas e actualizar a información científica empregada, incorporando os coñecementos dispoñibles tras a entrada en vigor das restricións.
Balseiro defende a compatibilidade da protección dos ecosistemas mariños coa sustentabilidade da actividade pesqueira e coa viabilidade económica das comunidades costeiras. Neste sentido, a moción reclama que as decisións se adopten a partir da mellor evidencia científica dispoñible, dunha avaliación rigorosa dos seus efectos socioeconómicos e do principio de proporcionalidade.
O senador popular sinala que non todas as artes de fondo presentan o mesmo nivel de interacción co fondo mariño, polo que a normativa debe atender ás características específicas de cada modalidade. Neste sentido, reclama expresamente que a Comisión Europea exclúa o palangre de fondo daquelas restricións que non estean cientificamente xustificadas e que se avance no recoñecemento específico do palangre demersal e semipeláxico.
Dende o Partido Popular consideran “imprescindible” que antes de aprobar novas restricións “se realicen avaliacións rigorosas dos seus efectos socioeconómicos e consultas” co sector pesqueiro, as comunidades costeiras e as administracións autonómicas competentes. O obxectivo é avanzar cara a un modelo de xestión que permita compatibilizar a conservación do medio mariño coa continuidade dunha actividade pesqueira sostible, rendible e xeradora de emprego.
Balseiro advirte que “as restricións poden ter un importante impacto sobre a actividade económica, o emprego e o relevo xeracional nas zonas costeiras, especialmente en comunidades cunha forte vinculación coa pesca, como Galicia”.
Neste contexto, a iniciativa expresa tamén o apoio ás actuacións emprendidas polas comunidades autónomas e polo propio sector para defender unha xestión baseada na ciencia, na proporcionalidade e no equilibrio entre sustentabilidade ambiental, actividade económica e cohesión territorial.
A proposta inclúe igualmente o respaldo ás iniciativas dirixidas a revisar estas medidas no ámbito europeo, nun momento no que continúan as actuacións para reclamar unha análise da súa proporcionalidade e dos seus efectos sobre as flotas afectadas.