O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, destapou hoxe que o goberno local volveu perder outra subvención concedida pola Xunta de Galicia, por importe de 160.000 euros, para o proxecto de rehabilitación dunha das naves da Praza de Abastos.
Rodríguez Conde lembra que, despois de perder unha achega de 320.000 euros o ano pasado para o mesmo fin, o executivo que encabeza Anxo Rei solicitou o día 2 de febreiro de 2026 unha nova axuda ao abeiro da orde autonómica do 5 de xaneiro de 2026 para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos.
Tras ser incapaz de completar o financiamento para licitar e executar a reforma da Praza de Abastos no tempo establecido pola convocatoria, o pasado mes de agosto o alcalde viuse obrigado a asinar un decreto para renunciar á subvención de 160.000 euros aprobada pola Xunta de Galicia. “A triste realidade é que Anxo Rei xa leva perdidos 480.000 euros de dúas subvencións concedidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para acometer un proxecto que anunciou no seu día a bombo e prato”, remarca o voceiro popular.
Por este motivo, Rodríguez Conde critica “a incapacidade do alcalde para sacar adiante os proxectos importantes comprometidos” e pregúntalle “se a mellora da Praza de Abastos vai pasar agora ao mesmo caixón no que leva o Plan Xeral de Ordenación Municipal máis dun ano”.
“Lamentable” abstención
Por outra banda, o voceiro popular cualificou hoxe como “lamentable” que os edís socialistas se abstiveran no pleno de hoxe na votación da moción presentada polo PP na que se propuña a cesión dun solar á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para acometer un proxecto de construción de vivenda pública en Padrón.
“A actitude de Anxo Rei é tan escandalosa e soberbia que nin tiveron a iniciativa como goberno de dirixirse á Xunta de Galicia como fixeron outros concellos para facilitarlles unha parcela, nin foron capaces de apoiar unha proposta do PP que xa lle demos traballada e masticada”, explicou Rodríguez Conde, antes de concluír que “esa abstención reflicte o pouco que lle importan a Anxo Rei as dificultades que están a ter moitas familias para atopar vivenda no noso municipio”.