O Grupo Socialista rexistrou no Parlamento de Galicia a súa Proposición de Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital. Trátase da alternativa socialista ao proxecto que o Consello da Xunta aprobou en xullo, a cal parte dunha convicción clara: non abonda con describir a violencia dixital, senón que hai que previla, protexer as vítimas de inmediato, acompañalas e reparar o dano causado.
«O que pasa nas pantallas non queda nas pantallas. Afecta á saúde, á intimidade, aos recursos económicos, aos estudos e ao traballo. E demasiadas veces remata do mesmo xeito: coa muller pechando as súas contas e retirándose da vida pública para sentirse segura», sinalaron desde o grupo parlamentario.
Unha lei con perspectiva de xénero e dereitos esixibles
Fronte ao proxecto do Executivo galego (de 26 artigos), a proposición socialista consta de 40 artigos e pon no centro a violencia contra as mulleres e as nenas, incorporando a perspectiva de xénero en todas as actuacións. A iniciativa converte as boas intencións en dereitos esixibles: atención integral, asistencia xurídica, resposta inmediata, retirada de contidos e reparación do dano. Con carácter xeral, a atención non dependerá de presentar unha denuncia previa nin a reparación quedará condicionada a unha resolución xudicial firme.
«Rueda quere gabarse da primeira lei de España contra a violencia dixital; nós queremos unha que funcione», resumiu a presidenta do PSdeG, Carmela Silva. «Á vítima dálle igual quen chegue primeiro. O que precisa é que a protexan xa, sen ter que esperar por unha sentenza».
Resposta inmediata para frear a difusión
A principal diferenza atópase na xestión da urxencia para frear a difusión de contidos. Mentres o servizo de borrado previsto pola Xunta require duna resolución xudicial expresa, a proposta socialista establece que a Xunta garantirá un servizo especializado que axude a vítima a solicitar ás plataformas a retirada, bloqueo, desindexación ou limitación dos contidos, facendo o seguimento sen que se perdan as probas.
«Cada hora que un vídeo íntimo segue circulando é unha hora máis de dano. Por iso propoñemos actuar xa e facelo sen perder as probas», explicou a deputada Paloma Castro.
O texto lexislativo tipifica e nomea de xeito explícito as diversas formas de acoso:
- Difusión de imaxes íntimas sen consentimento.
- Deepfakes e contidos sexuais falsos xerados con intelixencia artificial.
- Sextorsión e xeolocalización non consentida.
- Apropiación de contas e revelación de datos persoais (doxxing).
- Violencia económica dixital e campañas coordinadas de acoso.
«A violencia dixital contra as mulleres non é virtual; é violencia machista con ferramentas novas que busca o de sempre: controlar, humillar e calar», afirmou a secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González Beneitez. «Non imos aceptar que a saída sexa que ela peche as contas e desapareza. Quen ten que parar é o agresor, non a vítima».
Prevención nas aulas e atención no medio rural
No eido educativo, a prevención introducirase en todas as etapas, incluíndo a universidade, e abordará cuestións como o consentimento, a pornografía, a captación sexual e a intelixencia artificial. Os centros disporán de protocolos para detectar a tempo e actuar sen revitimizar. Ademais, os Centros de Información ás Mulleres (CIM) e os centros de crise 24 horas quedarán integrados nunha rede coordinada.
A proposición presta especial atención ás mulleres do medio rural, maiores, con discapacidade, migrantes ou en situación de dependencia, así como ás mulleres con presenza pública, política ou profesional. «Cando atacan unha muller nas redes para que cale, a agresión é contra ela, pero quen perde é a democracia», subliñou Carmela Silva.
Para evitar desigualdades territoriais, o texto especifica que as novas competencias municipais irán acompañadas dos recursos económicos, técnicos e de persoal necesarios. Así mesmo, inclúe a creación dun Plan Galego contra a Violencia Dixital nun prazo máximo de seis meses, orzamentos específicos, un calendario de implantación e avaliacións periódicas ante o Parlamento.
A proposición enfrontará agora o debate de toma en consideración no Pleno parlamentario. «O PP ten maioría para votala en contra; o que xa non poderá dicir é que non había alternativa», concluíu Paloma Castro.