A programación inclúe a edición da guía Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo de Artesáns, que recolle arredor de 400 obras, e unha exposición sobre a presenza da autora nos fondos da entidade.
A área de cultura da Deputación da Coruña apoia as xornadas que o Circo de Artesáns da Coruña celebra durante o mes de setembro para conmemorar o 175 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán, unha programación que combina divulgación, patrimonio bibliográfico e memoria cultural arredor dunha das figuras fundamentais da cultura galega. Entre as actividades das xornadas atópanse a presentación da publicación Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo de Artesáns, unha guía de lectura que reúne arredor de 400 obras relacionadas coa autora conservadas nos fondos bibliográficos da institución, e a exposición Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo, que permite achegar ao público parte deste importante patrimonio bibliográfico.
A presentación contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, e do presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga Abeleira. Durante a súa intervención, Natividade González puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade para organizar estas xornadas. “Para a Deputación da Coruña é unha satisfacción colaborar cunha iniciativa que nos permite achegarnos novamente a unha das figuras fundamentais da nosa cultura, pero facelo, ademais, desde unha perspectiva especialmente interesante: a través dos libros e da memoria que conservan as bibliotecas”, sinalou.
A deputada destacou o valor da guía presentada, que reúne arredor de catrocententas obras relacionadas coa escritora, e reivindicou o papel das bibliotecas como espazos de conservación da memoria cultural. “Unha biblioteca non é simplemente un lugar no que se gardan libros. É tamén un espazo no que se conserva a memoria dunha sociedade, das persoas que escribiron, das que leron e das ideas que circularon ao longo do tempo”, afirmou.
Natividade González referiuse tamén á importancia da figura de Emilia Pardo Bazán, unha autora estreitamente vinculada á Coruña e á provincia e cunha enorme capacidade para transcender o seu tempo. “Emilia Pardo Bazán foi unha muller que escribiu, pensou, polemizou e ocupou espazos que daquela estaban reservados case exclusivamente aos homes”, destacou. A deputada sinalou que o interese que a autora continúa a suscitar 175 anos despois do seu nacemento evidencia a vixencia do seu legado: “Unha figura cultural é verdadeiramente importante cando non queda encerrada no seu tempo, senón que continúa provocándonos preguntas no presente”.