A forza dun determinado territorio mídese en boa medida pola capacidade de atraer inversións e de ser atractivo para o tecido empresarial, e nese sentido Galicia pode presumir delo, tal como reflicte o balance no referido ás convocatorias 2024-2026 do programa de axudas para Atracción de Empresas a Galicia, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Neste período, a liña permitiu apoiar 96 proxectos empresariais, mediante a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións, que mobilizarán 256,75 millóns de euros en investimento empresarial. Consolídase deste xeito como un instrumento estratéxico para impulsar a actividade económica, atraer novos investimentos e favorecer a creación e o mantemento do emprego en Galicia.
Ao longo destas tres convocatorias, o programa reforzou o apoio da Xunta aos proxectos de investimento promovidos polas pequenas e medianas empresas, contribuíndo á creación de novos establecementos, á ampliación da capacidade produtiva, á diversificación da actividade empresarial e á modernización dos procesos de produción. As axudas alcanzan intensidades de ata o 35 % para pequenas empresas e do 25 % para empresas medianas, favorecendo tanto grandes proxectos de investimento como iniciativas cun elevado impacto sobre a creación de emprego.
A liña diríxese principalmente ás pemes, polo seu papel esencial na creación de emprego e no desenvolvemento económico de Galicia. O seu deseño permite apoiar investimentos que contribúen ao crecemento empresarial, á mellora da competitividade e á implantación de novos proxectos produtivos, reforzando a capacidade das empresas galegas para afrontar novos retos e oportunidades.

Proxectos industriais e diversificación do tecido empresarial
Existen tantas iniciativas como campos nos que emprender, e polo tanto do balance dedúcese tamén a diversidade nos proxectos apoiados pola Xunta de Galicia. A industria manufactureira leva a palma, ao concentrar 41 das iniciativas, sobre todo ás vinculadas ao metal, madeira, alimentación, maquinaria, automoción, naval e idustria química, ademáis de ámbitos como o turismo, comercio, servizos empresariais e tecnolóxicos, loxística e sector primario. “Esta distribución evidencia a capacidade do programa para apoiar investimentos en sectores estratéxicos e contribuír á diversificación do tecido produtivo galego”, explica o informe do Igape.
Así mesmo, cómpre subliñar a implantación do programa en todo o territorio galego, favorecendo o desenvolvemento de proxectos empresariais nas catro provincias e contribuíndo ao fortalecemento da actividade económica desde unha perspectiva territorial equilibrada.

Un instrumento integrado na estratexia de apoio ao investimento
O programa de Atracción de Empresas forma parte da estratexia da Xunta para impulsar o investimento empresarial e fortalecer a competitividade da economía galega. Neste marco, intégrase na ampla batería de instrumentos que o Igape pon á disposición das empresas para apoiar o seu crecemento, a innovación, a internacionalización e o acceso a distintas fórmulas de financiamento e apoio ao investimento, configurando unha política integral de impulso ao tecido produtivo galego.
O balance das convocatorias 2024-2026 confirma a consolidación desta liña como un instrumento estable de apoio ás pemes e ao investimento produtivo, reforzando o compromiso da Xunta coa atracción de novos proxectos empresariais, a xeración de emprego de calidade e o desenvolvemento económico sostible de Galicia.