O BNG de Lugo celebrou este luns a súa primeira asemblea local aberta a toda a militancia co obxectivo de avanzar na elaboración da candidatura de cara ás eleccións municipais de 2027. Esta xuntanza enmárcase no calendario de traballo deseñado pola organización para continuar «dando a voz á base» na confección da lista que encabezará Rubén Arroxo.
Durante o encontro, o responsábel local, Antón Bao, puxo en valor o «marcado carácter democrático» da formación, lembrando que no BNG «todas as cuestións importantes, como escoller a cabeza de lista, son decididas pola militancia».
Pola súa banda, o candidato á alcaldía, Rubén Arroxo, fixo balance do labor desenvolvido polo Bloque nos últimos sete anos no goberno municipal, cualificándoa como unha etapa «de dignidade, de seriedade e de moito traballo» que permitiu impulsar «grandes transformacións para Lugo».
Fronte a isto, Arroxo criticou a xestión do actual executivo de PP e tránsfuga, ao que acusou de manter a cidade nunha «parálise» na que os únicos proxectos que avanzan son os herdados do anterior mandato. O candidato nacionalista reafirmou o compromiso da organización de seguir traballando para «mellorar o día a día das veciñas e veciños, desde o convencemento de que Lugo merece máis» e co reto de recuperar un goberno de progreso liderado polo BNG.