A estadía obtida permitiralle afondar no traballo do grupo liderado por Daniel Nieto e aplicar os coñecementos adquiridos no laboratorio satélite que o investigador dirixe na cidade sudafricana de Potchefstroom.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) recibiu a doutoranda sudafricana Kate da Silva, co obxectivo de realizar unha estadía de investigación no grupo Advanced Biofab, liderado polo profesor investigador Oportunius Daniel Nieto. A súa incorporación dá continuidade á iniciativa de mobilidade internacional impulsada polo CICA e o grupo no congreso SACCMA 2025 – Society for Advanced Cell Culture Modelling for Africa Conference.
Durante a súa estancia, Kate da Silva coñecerá en profundidade o traballo de Advanced Biofab no ámbito da bioimpresión e da biofabricación avanzada para a enxeñaría de tecidos e órganos. A integración no equipo permitiralle familiarizarse coas técnicas e metodoloxías empregadas no CICA e ampliar a súa formación mediante a participación na actividade investigadora do grupo.
Esta aprendizaxe terá continuidade no laboratorio satélite que Daniel Nieto dirixe en Potchefstroom, Sudáfrica, onde a doutoranda poderá aplicar os coñecementos adquiridos. A estadía contribúe así ao intercambio científico entre ambos os laboratorios e ao fortalecemento das relacións de colaboración entre Europa e África.
Do recoñecemento ao talento á experiencia investigadora
A chegada de Kate da Silva materializa o premio ao talento emerxente que o CICA e Advanced Biofab lle concederon no marco do SACCMA 2025, celebrado do 20 ao 22 de outubro en Stellenbosch, Sudáfrica. O galardón consistía nunha estadía de investigación no CICA durante 2026, destinada ao desenvolvemento de proxectos en biofabricación avanzada.
O centro e o grupo participaron como un dos patrocinadores principais deste encontro, que reuniu persoal investigador, estudantes e profesionais dos ámbitos da modelaxe avanzada de cultivos celulares, a biofabricación e os biomateriais con fins biomédicos.
Esta iniciativa responde ao obxectivo do CICA de impulsar a súa internacionalización e fortalecer a colaboración con grupos e institucións doutros países. A mobilidade investigadora permite compartir coñecementos e capacidades, identificar intereses científicos comúns e sentar as bases de novos proxectos conxuntos. Neste contexto, a estadía de Kate da Silva contribúe a consolidar unha cooperación científica con continuidade, que conecte a formación de talento emerxente co avance da investigación en biofabricación.