José Manuel Balseiro reclama que Europa diferencie as artes pesqueiras segundo o seu impacto real e revise as restricións ao palangre de fondo á luz das novas evidencias científicas.
A Comisión de Pesca do Senado apoiou hoxe -coa abstención do PSOE- a iniciativa defendida polo senador mariñán José Manuel Balseiro para reclamar a revisión das restricións impostas pola Unión Europea á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico nororiental e un tratamento diferenciado para o palangre de fondo. “Protexer o mar, si. Pero protexer non significa prohibir indiscriminadamente: significa coñecer o impacto real de cada arte e actuar onde a ciencia acredite que existe un risco”, afirmou Balseiro. O senador insistiu en que “non se pode meter no mesmo saco o palangre e o arrastre cando teñen impactos diferentes sobre o fondo mariño”.
Balseiro lembrou que a frota leva “catro anos de restricións e catro anos de prexuízos” por unha decisión cuxa falta de diferenciación xa fora cuestionada no seu momento. “Catro anos despois seguimos pedindo que se corrixa o que xa sabiamos que estaba mal. Pero agora hai unha diferenza fundamental: contamos con evidencia científica específica”, sinalou.
O senador sinalou que a propia Secretaría Xeral de Pesca recoñeceu que, ao elaborar a normativa europea, non se avaliou correctamente o impacto real de cada arte. “Se o propio Goberno admite esa deficiencia, ten que explicar por que os pescadores levan catro anos soportando as súas consecuencias e, sobre todo, conseguir que se corrixa”, afirmou.
MENOS DECLARACIÓNS E MÁIS RESULTADOS EN EUROPA
Balseiro pediu ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación “menos reacción e máis anticipación”. “Defender o sector pesqueiro é negociar e construír alianzas antes de que se aproben decisións que prexudican a frota. Non chega con lamentarse cando os barcos xa sofren as restricións”, advertiu. “Europa tamén somos nós. España forma parte do Consello e ten a responsabilidade de defender con eficacia os intereses dunha das principais potencias pesqueiras da Unión Europea”, engadiu. Neste sentido, pediu distinguir “entre reclamar e conseguir”: “O Goberno reclamou a revisión en 2022 e volve reclamala en 2026, mentres os barcos seguiron soportando as restricións. Agora temos unha oportunidade que non podemos volver desaproveitar”.
A iniciativa apoiada polo Senado insta ao Goberno de España a promover ante as institucións europeas a revisión das medidas, incorporar a nova evidencia científica e diferenciar as artes de pesca segundo o seu impacto real, de maneira que o palangre de fondo non quede sometido a prohibicións que os datos non xustifiquen.
CELEIRO, BURELA E O FUTURO DA PESCA
O senador puxo o foco en portos como Celeiro e Burela e nas persoas que dependen da actividade da frota palangreira. “Detrás de cada barco hai mariñeiros, armadores, lonxas, redeiras, transportistas, empresas e familias. Hai comunidades enteiras cuxo futuro segue ligado ao mar”, subliñou.
Balseiro recoñeceu o traballo do sector, da Organización de Produtores do Porto de Burela e dos investigadores que participaron no proxecto ISPAMER. “Os pescadores colaboraron, a ciencia fixo o seu traballo e agora correspóndelle ao Goberno conseguir que eses resultados se traduzan en decisións”, afirmou.
Tamén lembrou o apoio da Xunta de Galicia á frota desde a aprobación das restricións e chamou a sumar esforzos para lograr a súa revisión. “Os pescadores esperan solucións. Temos que levar a Europa unha posición firme, apoiada nos datos e capaz de conseguir resultados”, indicou.
Balseiro resumiu o acordo cunha palabra galega: “sentidiño. Sentidiño para protexer os ecosistemas vulnerables, para distinguir entre artes con impactos diferentes e para permitir pescar de maneira sostible onde a ciencia demostre que se pode facer. Protexer o mar e defender os nosos pescadores son obxectivos que deben avanzar xuntos”, concluíu.