Ana Miranda coorganiza xunto a eurodeputadas e eurodeputados de distintos grupos parlamentares a conferencia sobre a mobilización social e o apoio dos pobos a Palestina baixo o título ‘Courage to Disobey’ (A Bravura da Desobediencia Civil).
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, coorganiza no Parlamento Europeo a conferencia ‘Courage to Disobey’ centrada na mobilización social e o apoios dos pobos a Palestina e na denuncia do xenocidio que practica o Estado de Israel en Gaza e o réxime de apartheid que aplican na Cisxordania ocupada.
A conferencia, titulada en galego ‘A bravura da desobediencia civil’, contará cunha presencia de oradores e participantes chegados de Galiza e tamén internacionais, entre eles Anxela Gippini, presidenta da organización Galiza por Palestina, o escritor Suso de Toro, denunciado polo lobby sionista ACOM por delitos de odio de carácter antisemita, ou Sandra Garrido, a avogada integrante da Global Sumud Flotilla.
“O obxectivo destas conferencias é pór en valor o papel e o traballo de activistas, personalidades da cultura ou o das organizacións da sociedade civil para rachar coas mentiras e a desinformación que practica o Estado de Israel para obter a complicidade internacional cos seus crimes e xenocidio contra o pobo palestino”, explica Ana Miranda.
O representante do BNG en Francia, Hugo M. Andrade, activista en favor dos dereitos do pobo palestino, tamén se desprazará até Bruxelas para participar nas xornadas de traballo do mércores e o xoves. O activista palestino Saif Abukeshek, organizador das redes de solidariedade europeas e quen foi detido e torturado polo Estado de Israel no mes de maio; a avogada palestina responsable do Arab Center for the Advancement of Social Media, Lama Nazeeh; Wieland Hoban, presidente da Jewis Voice for a Just Peace; ou María Elena Delia, membro fundadora do Free Gaza Movement, serán outros dos oradores.
“Levamos denunciando hai anos dende o BNG e cun traballo intenso no Parlamento Europeo que a Unión Europea debe romper relacións diplomáticas e comerciais con Israel e imporlle sancións económicas, políticas e un embargo de armas”, destaca a representante do Bloque. “É o mesmo que fan as personalidades chegadas desde diferentes partes de Europa ou Palestina e que participarán neste evento”.
As conferencias divídense en catro bloques temáticos. O primeiro comeza o mércores ás 15h co título “Romper o bloqueo a través do dereito”, co obxectivo de analizar as obrigas xurídicas relativas ao bloqueo e á protección da poboación civil en Gaza en virtude do Dereito Internacional. O segundo panel ás 17h, ‘Acción Política e Desobediencia Civil’, está presidido pola eurodeputada do BNG e contará coas intervencións de Anxela Gippini, Suso de Toro e Wieland Hoban.
“Este panel identifica os vínculos políticos e económicos que sosteñen o statu quo para poder actuar eficazmente contra o xenocidio da poboación palestina, o réxime de apartheid que sofre e as vulneracións graves aos dereitos humanos”, explica a representante do BNG. Ana Miranda cita “as tácticas de presión con impacto, como as campañas europeas e globais de Desinvestimento, Boicot e Sancións (DBS) contra o Estado de Israel”.
Xa o xoves celebraranse dous bloques temáticos máis. ‘Comisión de Verdade e Reparación’ ás 9:30h reunirá testemuños de primeira man de observadores de dereitos humanos e misións de solidariedade en Palestina e a derradeira, ás 11:30h, ‘Avanzar: Estratexia e Próximos Pasos’ porá de elevo o poder da acción directa para transformar o debate público.