Os traballos permitiron tamén ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades en Cova Eirós.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
Estes son algúns dos resultados máis destacados da campaña de 2026 realizada na Cova Eirós -coa continuación da escavacións dos niveis do Paleolítico medio- e na veciña Gruta dos Bloques, ambas as dúas en Triacastela, por membros do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili e da Universidade de Oviedo, ao abeiro do convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Cova Eirós
As escavacións en Cova Eirós achegaron novos materiais arqueopaleontolóxicos das ocupacións paleolíticas no sector da entrada. No nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) axudan a afondar no coñecemento sobre os Neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron esta cova como campamento durante tempadas relativamente longas e por iso ese é o nivel onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como é o caso de lascas, raspadeiras e os restos da súa manufactura, así como restos da fauna que consumiron e cazaban (cervos, cabalos, bisontes) nos vales próximos. Nestas últimas campañas estase a escavar un fogar cuxo foco se atopa protexido e delimitado por pedras, xunto con concentracións de carbóns e restos queimados. Estes achados afortalan o carácter de campamento de longa duración das ocupacións do nivel 4.
Nesta campaña comezouse a escavación dun novo nivel do Paleolítico medio, o Nivel 5, que confirma a presenza de ocupacións neandertais mais antigas na cova. A diferenza do nivel superior, a concentración de artefactos é menor, destacando a presenza de ferramentas fabricadas en cuarzos locais. “O novo nivel podería corresponderse cos restos deixados por estes grupos durante estadías de curta duración desenvolvidas na entrada de Cova Eirós”, explican os investigadores.
Enterramentos da Idade do Bronce
As intervencións nas cavidades do Monte Penedo, veciñas a Cova Eirós, descubriron varios restos humanos que certifican o uso funerario destas covas por parte dos grupos da Idade do Bronce.
Na Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos, dos que a maioría se corresponden con costelas e falanxes, pero tamén se atoparon os restos das extremidades (fémur, húmero). O estudo antropolóxico dos restos, realizado por Marina Lozano no IPHES-CERCA, indica que pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos de idade. Asociado aos restos humanos, recuperáronse tamén fragmentos cerámicos decorados que remiten a momentos da Idade do Bronce. Por outra banda, na escavación da cata da entrada de Cova das Cabras identificouse unha falanxe do pé pertencente a un individuo adulto, pero sen enxoval asociado.
As datacións radiocarbónicas dos restos humanos destes dous xacementos encadran estes enterramentos en momentos avanzados da Idade o Bronce (3300 anos BP; 1600-1500 a.C). Podemos atopar paralelos próximos nos enterramentos da Cova de Valdavara (Becerreá) ou a Cova do Santo (Rubiá).
Para os investigadores, “os achados amosan a importancia das covas para estas comunidades, non só como lugar de hábitat, senón como espazos funerarios, á vez que achegan novos datos para entender a variabilidade das prácticas funerarias da Idade do Bronce no Noroeste, nun momento no que noutros lugares de Galicia enterraban en cistas, pequenos túmulos ou aproveitando antigos monumentos megalíticos”.