Katy Varela sinala que o expediente debe xustificar con maior detalle a necesidade da infraestrutura, a solución proxectada e a súa adecuación ás necesidades de mobilidade de Monforte.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que anunciaron alegacións ao proxecto de construción do Novo Ponte Metálico e conexión coas rúas Corredoira, Santa Clara e Paseo do Malecón, ademais de pedir a paralización do proxeto.
A voceira popular, Katy Varela, amosouse moi crítica co proxecto e, a pesar de que aínda falta a fase de aprobación por parte do pleno e a posterior fase de contratación, “no Grupo Municipal Popular decidimos presentar alegacións ao expediente”.
A primeira das alegacións céntrase na necesidade dunha xustificación suficiente da solución proxectada e da súa adecuación á finalidade perseguida. O proxecto xustifica a nova infraestrutura, entre outros motivos, na necesidade de establecer unha conexión viaria entre ambas as marxes do río Cabe, liberar de tráfico rodado o Ponte Medieval e proporcionar un novo itinerario cara ao Hospital Comarcal e ao Centro de Saúde. Ademais, o Concello afirma que a nova infraestrutura permitirá reducir o tráfico pola rúa Huertas.
Para o Grupo Municipal Popular, a documentación sometida a información pública debe permitir coñecer de maneira suficiente que problema concreto de mobilidade se pretende resolver, con que intensidade de tráfico e mediante que análise comparativa se determinou que a solución escollida constitúe a alternativa adecuada.
A segunda alegación fai referencia ao impacto sobre o contorno do Malecón e do conxunto histórico. Aínda que existe un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio, está referido ao paso do Camiño de Santiago, polo que é necesario analizar tamén o impacto global da actuación sobre o contorno patrimonial. Neste sentido, os populares fan referencia á existencia do PEPCHA e á necesidade de valorar a compatibilidade da actuación cos seus postulados e coa protección do ámbito no que se proxecta a infraestrutura.
A terceira alegación reclama unha xustificación da proporcionalidade económica da actuación. Para os concelleiros populares a relevancia económica do proxecto fai necesario que o expediente permita coñecer non só o orzamento de execución, senón tamén a xustificación da solución adoptada desde a perspectiva da eficiencia da inversión pública. Esta cuestión cobra especial relevancia nun proxecto que, segundo a documentación e a información pública difundida nos últimos meses, supera os cinco millóns de euros de investimento.
A cuarta alegación aborda o impacto ambiental, a infraestrutura verde e a función do Malecón como espazo de regulación climática urbana.
Segundo explicou Katy Varela, a análise ambiental non debe limitarse ao número de árbores que poidan ser cortadas, xa que a construción da ponte e das súas conexións afecta tamén ao solo e pode ter consecuencias sobre a vexetación existente. “Nun contexto no que os instrumentos de planificación urbana tenden a potenciar espazos verdes e solucións vinculadas á adaptación climática, debe analizarse especialmente a afección que unha nova infraestrutura pode producir sobre un espazo como o Paseo do Malecón”, explicou.
A quinta alegación refírese ao dereito dos interesados a coñecer e examinar o expediente completo. Dende o Grupo Municipal Popular consideran que podería existir unha vulneración dos artigos 83 e 53 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ao entender que non se expón a totalidade da documentación relativa ao proxecto, así como determinados informes internos do Concello e informes sectoriais preceptivos.
Outras das alegacións presentadas polos edís populares fan referencia aos informes municipais susceptibles de anulación; ao posible incumprimento non xustificado das condicións de accesibilidade; ou a diferenza entre o proxecto actual e o proxecto gañador do concurso de ideas celebrado no ano 2020, entre outras alegacións.
“O que estamos reclamando é que un proxecto destas características estea perfectamente xustificado desde o punto de vista da mobilidade, do impacto sobre o contorno, da eficiencia económica, da accesibilidade e da propia tramitación administrativa”, sinalou Katy Varela, ao que engadiu que “non estamos falando só dunha infraestrutura viaria, senón dunha actuación que afecta directamente a un dos espazos máis relevantes de Monforte e que supón un investimento económico moi importante”.
Finalmente, a voceira popular apuntou a posibilidade de que neste contexto o expediente poida ser susceptible de nulidade ou anulabilidade, polo que se solicita a paralización definitiva da execución do proxecto.