O programa, que se desenvolverá o próximo 2 de outubro, contará coa participación de especialistas de diferentes ámbitos para analizar os nesgos presentes na IA, a súa relación coa saúde mental e as posibles aplicacións desta tecnoloxía desde unha perspectiva de igualdade.
A Universidade da Coruña celebrará o vindeiro venres, 2 de outubro, en horario de 10:00 a 14:30 horas, as xornadas “IA, nesgos de xénero. Oportunidades para a igualdade”, un encontro que reunirá na Casa do Estudantado a especialistas de diferentes ámbitos para reflexionar sobre a relación entre intelixencia artificial, nesgos de xénero e igualdade.
Este evento está organizado polas investigadoras Teresa Piñeiro, do Grupo Cidadanía Dixital (DIGI) e Laura Morán, do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial do CITIC, ambas as dúas do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC.
Ao longo da mañá, abordaranse cuestións que van desde a presenza de nesgos cognitivos e de xénero nos sistemas de intelixencia artificial ata o seu impacto en eidos como a saúde mental, as redes sociais, a contratación de seguros ou a detección do discurso de odio. O programa permitirá deste xeito analizar como estes nesgos poden aparecer tanto nos datos cos que se adestran os sistemas, como nas decisións relacionadas co seu deseño e aplicacións concretas.
A xornada contará coa participación de Helena Matute, da Universidade de Deusto, que analizará como a intelixencia artificial pode herdar os nesgos das persoas e, á súa vez, transmitilos ás persoas que interactúan con ela. A súa intervención poñerá o foco nas diferentes formas en que estes sistemas poden influír nas decisións humanas e amplificar determinados nesgos.
Pola súa banda, Eurídice Cabañes proporá unha reflexión sobre as bases culturais e sociais sobre as que se constrúen os sistemas actuais de intelixencia artificial. A súa intervención cuestionará a visión da tecnoloxía dende perspectivas patriarcais, extrativistas e coloniais e defenderá a necesidade de repensar o deseño tecnolóxico dende conceptos como a reciprocidade, a rexeneración e os coidados.
A relación entre intelixencia artificial e saúde mental será outro dos eixes do encontro. Ana Freire, da Universitat Pompeu Fabra, presentará un caso de estudo sobre a utilización de técnicas de aprendizaxe automática para detectar sinais de anorexia nerviosa nas redes sociais. A investigación permitirá analizar como os nesgos poden introducirse nos datos, na súa representación ou no propio deseño dos problemas que se pretende resolver, e como o incremento do volume de datos non sempre garante resultados máis xustos.
As xornadas prestarán tamén especial atención á lingua galega e ás linguas minorizadas. Lucía Álvarez explicará a importancia de desenvolver ferramentas capaces de detectar directamente en galego o discurso machista e o acoso nas redes sociais. A creación dun corpus específico permite avanzar cara a tecnoloxías que teñan en conta as particularidades lingüísticas do galego e eviten a perda de información e matices que pode producir a tradución previa a outras linguas.
Na programación tamén participará Paloma Piot, investigadora do CITIC, que abordará os nesgos demográficos na detección e clasificación do discurso de odio e analizará como a adopción dun determinado perfil demográfico pode influír na identificación deste tipo de contidos, así como o xeito en que a intelixencia artificial pode contribuír á corrección dos nesgos detectados.
Outro dos ámbitos analizados será o da contratación de seguros. Rafael Colina examinará a crecente presenza da intelixencia artificial nos procesos de comercialización e personalización dos seguros e os riscos de que o emprego destes sistemas introduza diferenzas de trato entre clientes sen unha xustificación obxectiva e razoable. Un dos retos destacados é, precisamente, a dificultade para detectar determinadas prácticas discriminatorias cando as decisións son tomadas ou condicionadas por sistemas automatizados.
O programa completarase coa sesión “FACTOR[IA] UDC · investigacións en 10’”, na que participarán persoas vinculadas á Facultade de Informática para presentar diferentes liñas de investigación relacionadas coa intelixencia artificial, e cunha mesa redonda moderada por Laura Castro, vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial.
A iniciativa conta coa colaboración do CITIC da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Emerge European University Alliance, a Unión Europea e a Xunta de Galicia.
Con esta cuarta edición, as Xornadas de IA e Nesgos de Xénero consolidan un espazo de encontro entre investigación, tecnoloxía e sociedade para analizar como construír sistemas de intelixencia artificial máis conscientes das desigualdades existentes e máis respectuosos coa diversidade.