Rego a Planas: “Esixa á Comisión Europea a prórroga dun ano do Acordo de Pesca con Mauritania”

O deputado do BNG reclama ao Ministro de Pesca que sexa adoptada unha vía intermedia ante a finalización do Convenio pesqueiro no 15 de novembro e a paralización das negociacións.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministro de Pesca, Luis Planas, para que reclame á Comisión Europea a prórroga de un ano do Acordo de Pesca UE-Mauritania ante a paralización das negociacións e o perigo de que frota galega fique sen actividade.

O deputado do BNG recalca a necesidade de adoptar esta vía intermedia, que conta con precedentes no ano 2019, para “evitar que o noso sector pesqueiro teña que marchar do caladoiro mauritano e deixar de faenar. As negociacións levan meses empantanadas e o Acordo finaliza no 15 de novembro. Por moito que se alcanzase un acordo in extremis a tramitación pode durar meses. Así as cousas, non hai garantías de viabilidade para os nosos barcos pesqueiros”.

Garantir a actividade da nosa frota mentres se negocia

Rego sinala que o sector urxiu a prorrogar o Convenio vixente mentres se continúa coas negociacións. “Deste xeito, a frota podería seguir pescando especies de grande interese como crustáceos, especies demersais, atún ou peláxicos”, asevera. O deputado do BNG lembra que o Protocolo de Pesca UE-Mauritania é o principal que mantén a UE cun terceiro país en materia de pesca e afecta barcos arrastreiros e cefalopodeiros galegos.

Néstor Rego salienta que “tal e como están as cousas na pesca, non podemos permitir perder caladoiros e seguir amarrando barcos, perdendo empregos directos e indirectos e actividade económica”. “O Ministro debe pasar a outro nivel. Dixo que ía pedir á Comisión Europea o impulso das negociacións. Xa imos tarde. Debe exixir á Comisión Europea solucións para que a nosa frota non quede ao descuberto e iso pasa por prorrogar o Convenio de Pesca un ano”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios