“Os políticos vimos e imos, todo o traballo sae do persoal da casa”, destacou a presidenta da institución, Carmela López, no acto de recibimento aos empregados.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, deu este venres a benvida ás 49 persoas que se incorporaron ao cadro de persoal da institución provincial nos últimos meses, ben de forma permanente ou de xeito temporal. O acto tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Marcos e nel participaron tamén a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a xefa do servizo de Recursos Humanos, Pilar Ferreiro.
“Os políticos vimos e imos, todo o traballo sae do persoal da casa. É fundamental que a casa funcione ben para que así repercuta fóra”, afirmou a presidenta da Deputación no acto de recibimento.
A institución provincial cubriu trinta postos de forma definitiva como resultado de dez procesos correspondentes a ofertas de emprego público de varias anualidades. A maiores, 19 persoas incorporáronse á institución de forma temporal a través de listaxes, resultantes igualmente de procesos selectivos levados a cabo nos últimos meses. A Deputación conta a día de hoxe con 532 traballadores.
En canto á consolidación de emprego, os procesos levados a cabo nos últimos meses permitiron cubrir de forma definitiva 16 prazas na Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación. Son 7 prazas de ATS-DUE, 4 de fisioterapeuta e 5 de terapeuta ocupacional. A Deputación ten en funcionamento nove residencias, que atenden a preto de 300 persoas maiores e dan emprego directo a unhas 230 persoas. Ademais, ten outras catro centros en diferentes fases de execución.
Do mesmo xeito, estabilizáronse tres prazas de peóns da Granxa Gayoso Castro, un centro capital no apoio ao sector gandeiro da provincia. Así mesmo, consolidáronse as prazas de dous técnicos de administración xeral, cinco auxiliares e catro porteiros.
Desta maneira refórzanse e dáse estabilidade a numerosas áreas da Deputación, como Recadación e Inspección Tributaria, Contratación e Fomento, Inventario, Contabilidade e Contas, Recursos Humanos, Tesourería, Protocolo, Presidencia ou Portería e Vixilancia, entre outras.
Reforzos temporais
A presidenta deu igualmente a benvida a 19 persoas que se incorporaron de forma temporal para reforzar distintos servizos da Deputación, como Recadación, Contratación, Fiscalización, Vías e Obras, Deportes e Mocidade, Comunicación e Rede Museística. Son perfís técnicos e auxiliares.
Carmela López: “É fundamental que a casa funcione para que repercuta fóra”
Os traballadores recibiron o saúdo da presidenta da Deputación no salón de actos e despois fixeron unha foto de familia na zona verde interior. Algunhas persoas xa viñan desempeñando o seu labor nas oficinas da institución ou noutros centros dependentes dela e agora consolidaron os seus postos, polo que había “caras coñecidas”. Outras persoas acaban de incorporarse, polo que a todas elas se lle proxectou o vídeo coa que a Deputación adoita recibir os participantes no programa Coñece a túa provincia.
“Os funcionarios e o persoal laboral sodes fundamentais, todo o traballo sae da casa, porque os políticos vimos e imos”, afirmou a presidenta, quen, como alcaldesa de Burela, é ben coñecedora do apoio que supón a Deputación para o funcionamento e o día a día das administracións municipais, sobre todo daquelas máis pequenas, que contan con pouco persoal e medios económicos. “A Deputación é o concello dos concellos e é esencial que funcione dentro para que repercuta fóra”, afirmou tamén en referencia aos servizos que a institución presta de forma directa aos veciños.
A deputada de Réxime Interior, pola súa parte, animou os traballadores a “coller con ilusión” o labor. “Estades na mellor institución”, afirmou en referencia ás condicións laborais da Deputación en comparación coas que teñen outras administracións.
Outros procesos selectivos en marcha
A Deputación continúa traballando para dar estabilidade ao persoal e para reforzar algúns servizos. Neste momento ten convocados ou en marcha media ducia de procesos selectivos correspondentes a varias categorías, que estarán finalizados antes de que acabe o ano. Así mesmo, segue a facer listaxes para contratacións temporais.