Guadi Galego volta ás salas pequenas con 4 concertos íntimos e exclusivos en Santiago e Ourense

O espectáculo oníricos e outros delirios terá lugar O 13 e 14 de novembro no café auriense (Ourense) e o 3 e 4 de decembro na sala riquela (Santiago de Compostela).

Descubre más noticias musicales como ésta

Baixo o nome de Oníricos e outros delirios, Guadi Galego volta ás salas pequenas para propoñer unha experiencia na que recuperar a conexión e proximidade co público será o eixo central do espectáculo. A cantante presenta catro concertos íntimos en formato trío nos que interpretará as cancións de Pélago. Contos oníricos, o seu último disco, xunto con algúns dos seus grandes éxitos e temas que nunca interpretou en directo. Tras o éxito do seu concerto de fin de xira na sala Capitol o pasado ano, a artista galega propón unha experiencia exclusiva que só se poderá desfrutar o 13 e 14 de novembro na sala Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro na sala Riquela de Santiago de Compostela. As entradas á venda sairán mañá venres 2 de outubro ás 12:00h en enterticket.es.

Oníricos e outros delirios nace da necesidade de Guadi de poñer en valor o directo, poñendo ao público no centro da conexión entre a súa música e ela. Estes catro concertos están concibidos como unha experiencia íntima na que poder sentir de preto e achegarse ao xerme da música da cantante, nunha necesidade da propia artista de deixar de lado a celeridade do consumo para poder gozar de novo coa súa xente da conexión coa súa música sen artificios. Para iso, percorrerá dúas localizacións importantes na súa vida e que forman parte dela de maneira fonda: Santiago de Compostela, á que considera parte da súa casa, e a sala Auriense, escenario ao que garda especial cariño por ser punto de partida e de finalización dalgunhas das súas etapas na súa carreira.

Para crear esta experiencia, Guadi Galego está a desenvolver un directo en formato trío xunto con Vic Moliner, un dos produtores das súas últimas músicas, e Iago Carro. Xunto a eles, reivindicarán a música en directo, tratando de mergullar ao público na orixe deses temas. Para iso, o piano de Guadi, o baixo e sintetizadores de Vic e a batería de Iago terán un peso importante, buscando transmitir a verdade do que foi o proceso compositivo, achegando máis aos músicos e ao público, e deixando de lado as dinámicas de consumo rápido que se está a vivir no contexto musical actual. 

MÁIS SOBRE GUADI GALEGO

Guadi Galego é unha das figuras máis relevantes e influentes da música galega contemporánea. Compositora, intérprete e produtora, a artista leva décadas expandindo a súa sensibilidade e a súa inquedanza musical cara a conexión entre a experimentación e a tradición, poñendo o foco na emoción e a honestidade. 

Dende os seus comezos como parte de Berrogüetto, unha das bandas máis importantes do folk galego, a súa carreira está marcada pola importancia dos seus proxectos, aportando un legado musical e de recoñecementos que a sitúan como unha das grandes referentes da música galega. Dende unha consideración aos Latin Grammy ou un premio ao Mellor Grupo Folk Europeo, ata formar parte de proxectos xunto a outras grandes figuras da música feita en Galicia como Abe Rábade e Ugia Pedreira en Nordestin@s ou Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en aCadaCanto.

A súa carreira en solitario reafirmou o camiño transitado durante os anteriores proxectos, sendo unha das voces máis relevantes dos últimos anos. Guadi Galego construíu arredor da súa carreira un espazo de desenvolvemento de novas sonoridades dentro da canción galega, así como de encontro interxeracional do talento, con colaboracións xunto a voces da talla de Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Tanxugueiras ou Xabier Díaz, entre moitos outros. 

Esta traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións con prestixiosos galardóns como o Premio da Crítica de Galicia, diversos Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado ou o Premio Rebulir da Cultura Galega, entre outros. Estes recoñecementos non fan máis que reafirmar a súa posición como unha das artistas máis importantes da música galega, así como o seu status como unha das voces máis inspiradoras e necesarias da cultura contemporánea de Galicia.

Venres, 13 de novembro – OURENSE – Café Auriense 

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-ourense-venres-13-novembro-183508

Sábado, 14 de novembro – OURENSE – Café Auriense 

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-ourense-sabado-14-novembro-825361

Xoves, 3 de decembro – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Riquela

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-santiago-xove-369063

Venres, 4 de decembro – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Riquela

Prezo: 20€ + gx

Venda online: https://www.enterticket.es/eventos/guadi-galego-oniricos-e-outros-delirios-santiago-venres-4-decembro-351277

Comparte éste artículo
No hay comentarios