Os senadores do PP esixen ao Goberno do Estado recuperar o tren hotel entre Lugo e Barcelona  

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano lamentan que o Goberno central xustifique a súa supresión “na falta de rendibilidade” a pesar de que se trata “dun servizo moi demandado”.

Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, reiteran a súa reclamación para que se recupere o servizo ferroviario nocturno entre Galicia e Barcelona, coñecido como tren hotel, que contaba con parada en Monforte de Lemos e que foi suprimido en 2020, no contexto da pandemia da COVID-19.

Os senadores lucenses formularon preguntas por escrito no Senado para coñecer as razóns polas que o Goberno central mantén sen restablecer esta conexión ferroviaria, seis anos despois da súa desaparición e a pesar das reiteradas demandas de usuarios, entidades e administracións.

Os populares advertían de que a supresión deste servizo reduce as alternativas de transporte de longa distancia e agrava as dificultades de comunicación ferroviaria da provincia.

Na resposta remitida polo Executivo central, o Goberno sinala que o servizo nocturno entre Galicia e Barcelona formaba parte dos servizos comerciais de Renfe e que estes debían funcionar atendendo a criterios de viabilidade económica e rendibilidade, sen financiamento público. Segundo explica o Goberno, os servizos tren hotel rexistraban antes da pandemia resultados comerciais insuficientes, con niveis de demanda e rendibilidade que, ao seu xuízo, non xustificaban o seu mantemento.

Segundo a resposta dada polo Goberno, o tren hotel deixou de formar parte da oferta comercial de Renfe e foi suprimido de forma xeneralizada na rede ferroviaria española, polo que actualmente non se atopa na carteira de produtos da compañía.

Para os senadores populares esta explicación non debe supoñer o peche definitivo da porta á recuperación dunha conexión que consideran relevante para a mobilidade dos lucenses. Defenden que cómpre seguir reclamando alternativas que permitan recuperar o servizo e atender as necesidades de desprazamento dos usuarios de Lugo e do sur da provincia, especialmente no caso dunha conexión que permitía viaxar durante a noite e aproveitar mellor o tempo.

Os representantes do PP lucense consideran necesario que o Goberno central e Renfe non se limiten a constatar a desaparición do tren hotel da súa oferta comercial, senón que estuden as posibilidades de recuperar esta conexión ferroviaria.

Barreiro, Balseiro e Serrano subliñan que a perda desta conexión limita as opcións de transporte dos cidadáns e reclaman que se teñan en conta as necesidades de comunicación de Galicia e, en particular, da provincia de Lugo. Por iso, manterán a reivindicación da recuperación do tren hotel entre Galicia e Barcelona, con parada en Monforte de Lemos, para que os usuarios poidan volver contar cunha alternativa ferroviaria nocturna para os seus desprazamentos de longa distancia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios