Rego: “Votamos si para atender a emerxencia habitacional e pór  solucións á crise da vivenda”

O deputado do BNG cargou contra o PP, con responsabilidades de goberno en once CC.AA, con competencias en vivenda: “Acabarán pagando tamén o prezo, a pena é que mentres tanto llo fagan pagar ás clases populares”.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, subiu á tribuna do Congreso para intervir no debate dos dous reais decretos de vivenda e deixar claro que “son medidas insuficientes, mais medidas necesarias e urxentes” e contan co voto favorábel do BNG, “non para salvar o Goberno senón para salvar millares de persoas con enorme dificultades ver realizado o dereito a unha vivenda digna e para comezar a pór solucións á crise da vivenda”. 

Néstor Rego fixo un recoñecemento ás mobilizacións sociais porque “está claro que estas medidas son froito da presión social”.

A dereita “cos especuladores”

Cargou duramente contras as bancadas da dereita que “en vez de estar ao carón da xente, defenden os intereses dos fondos voitre, dos poderosos e dos especuladores”. Lamentou que utilicen a vivenda “como arma política e electoral. Erran. A xente que está nas rúas non quere politiqueos, senón solucións ao problema da vivenda. Para que se poña couto aos especuladores, para que se limiten os prezos dos alugueiros, para políticas eficaces en vivenda pública. Facer real o dereito de acceso á vivenda”. 

Mais, subliñou, “enfronte están as dereitas que se colocan de lado dos especuladores. Cun PP, que ten responsabilidades de goberno en 11 Comunidades autónomas con competencias en vivenda. Acabarán pagando tamén o prezo, a pena é que mentres tanto fanllo pagar ás clases populares”. 

24 familias na Coruña pendentes de desafiuzamento. PP culpábel

No debate do segundo Real Decreto, Néstor Rego aludiu á situación de 24 familias de tres edificios na Coruña que pertencen a dous fondos voitre e están pendentes de ser desafiuzadas, máis de 50 persoas afectadas. “Algunhas delas seguro que votantes do PP ás que vostedes terán que ollar á cara e explicarlles por que traizoaron hoxe os seus intereses poñéndose a carón dos fondos voitre”, enfatizou.

Cualificou de “irresponsábel” o PP, que ten 137 deputados e goberna 11 Comunidades Autónomas, “mais non lle importa traizoar a xente”.  Criticou as políticas da Xunta en vivenda, lembrando que co Goberno Feixoó, ese que agora pide turno, construíronse 2 vivendas públicas en 2015, 12 en 2017, 8 en 2018 ou 4 en 2019. “Ao PP non lle interesa a vivenda pública nin os problemas da xente”, recriminou. Ao BNG si, por iso, subliñou, “votamos a favor dos Decretos que poden dar solución a algúns dos problemas que hoxe encontran as persoas que dependen do aluguer”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios