Os primeiros goles de Eto’o e de Ojeda valéronlle ao Racing para derrotar ao Pontevedra na Malata. O partido ficou condicionado pola expulsión de Alberto Gil, que non tivo un partido afortunado. Alcaina, co Pontevedra desorganizado, puido converter o resultado nunha goleada, pero o traveseiro nunha contra e o pau, na última do partido, impedírono.
Pola esquerda vaise mellor que pola dereita
O Pontevedra foi mellor que o Racing nos seis primeiros minutos. As superioridades que podían conseguir pola dereita, ao ter Argos un carril que só usaba da metade para adiante, a cantidade da posesión e as recuperacións rápidas facíanlle tomar a iniciativa no xogo. Os granates puideron marcar o primeiro gol aos cinco minutos, pero o centro desde o recanto botóuselle enriba a Alba, que tentou rematar co ombreiro e o coiro foille para onde non quería. O disparo posterior que Iker Ivorra mandou alto, non trasladaron ao marcador o dominio inicial do cadro granate.
O Racing sufriu nos primeiros instantes. Resultaba frustrante xogar na casa, tentar saír ao ataque e non ser quen de dar alén de tres pases seguidos. Malia todo puido marcar aos dez minutos. Foi unha subida de Germán. O central galopou vinte metros logo de roubar unha pelota na divisoria, cedeu ás honras da definición na área a Ojeda, pero Marqueta negoulle o gol ao rexeitar co pé o lanzamento.
O Racing foi tomando as rendas, pero non foi superior ao Pontevedra. Só nun par de centros, no que o poder aéreo de Monjonell e Eto’o deixaron ver que os visitantes saltaban menos o Racing, o cadro racinguista creou dúbidas aos da Boa Vila.
Por parte visitante, Luisao provocou perto da frontal unha falta a Fabio, que Yelko lanzou alta e Compa non puido rematar en boa posición logo dun bo control entre centrais a centro de Argos.
Cando remataba o primeiro tempo adiantouse o cadro da cidade naval. Foi unha acción por sorpresa, cunha diagonal de Álvaro Ramón de dentro a fóra. Sorprendeu a Argos, que estaba demasiado adiantado, sorprendeu a Vidorreta, que non estaba en posición, e colocou o centro raso para Eto’o que o atacante axustou coa biqueira metendo a pelota xunto á base do pau onde non chegou Marqueta.
O Racing mudara a estratexia nos movementos, pero deixaba acreditado que pola esquerda facía máis dano que pola dereita.
A expulsión de Alberto Gil case provoca unha goleada
O segundo tempo foi do Racing. Tivo a primeira ocasión nun balón centrado por Ojeda que Eto’o, cunha cabezada portentosa, botou perto da escuadra. A xogada decisiva produciuse no minuto 56, Alberto Gil foi á disputa dun balón dividido con Fabio, levantou demasiado o pé, deu no do racinguista e foi expulsado por unha entrada temeraria. Cun home máis o Racing manexou mellor o partido. Álvaro Ramón tivo o segundo gol nun centro prolongado. Encarou a Marqueta pero o meta mostrou que é dos mellores da categoría desviando o disparo.
Rubén Domínguez, que retornaba aos bancos tras cumprir a sanción que carretaba desde o remate da anterior temporada, mostrou valentía. Buscou solucións para gañar o partido en inferioridade, pero Yelko, o home que outras veces mudou o fado do equipo, non estaba ben. Dúas veces que tivo opcións de lanzar contras non mediu a forza do pase e a pelota correu demasiado. Antes do remate sería substituído.
O técnico pontevedrés fixo unha tripla modificación, pero o equipo andaba con demasiada distancia entre os de diante e os do medio. Para o remate queimou as naves buscando que o partido entolecera e puxo en acción a Omeregbe. O italiano estivo a piques de anotar na primeira ocasión que tivo. O seu remate co pé, anticipándose á defensa, saíu mordido pero a rentes do traveseiro.
No seguinte ataque o Racing sentenciou. Buján rompeu polo centro, Marqueta desvioulle o man a man, pero o vasco puido recoller a pelota, cederlla a Ojeda e que o canario, logo de procurar o mellor ángulo, fixera o 2-0.
O partido puido rematar en goleada, pero en dúas contras de Alcaina os paus salvaron ao cadro das beiras do Lérez.
O Racing gañou un partido bonito, deixou feliz aos seus seareiros porque compite, a diferenza dos equipos que vestiron o verde Malata nas dúas campañas anteriores, e reponse da inxusta derrota en Lugo da semana anterior. Ademais, o derbi serviulle para adiantar na táboa ao Pontevedra.
Ficha
SÁBADO 03/10/2026 (16,30) Campo: A MALATA (5.034)
RACING C. FERROL : 2 – PONTEVEDRA C.F. : 0 (1‑0)
RAC : Lucas; Leal, Monjonell (David Castro 65’), Germán, Álvaro Ramón; Bernal, Ropero (Arroyo 65’), Fabio; Raúl Blanco (Alcaina 75’), Eto’o (Buján 75’), Ojeda (Esquerdo 88’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: Césat (g); Saúl; Azael; Sekou).
PNT : Marqueta; Vidorreta, Álvaro Pérez, Alba (Mba 63’), Rui Pedro; Argos (Ergouai 63’), Iker Ivorra (Jerin 63’), Yelko (Omoregbe 81’), Luisao (Elejalde 70’); Compa, Alberto Gil. Tre. Rubén Domínguez. (Banco: Galindo (g); Juanra; Álex González; Gaye; Marcos Bravo; Ilias).
Goles: 1-0 Eto’o 42’; 2-0 Ojeda 86’.
Árbitro: Román Román (Castela e León). Auxiliares: García Fernández e López Candanedo. 4º árb.: Sánchez Ingidua.
Disciplina: CA: Monjonell 8’; Vidorreta 24’; Argos 35’; David Castro 80’; Compa 90’ // VD: Alberto Gil 56’.
Foto: @racingferrolsad