A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, reivindicou hoxe, durante o pregón do San Froilán, o valor das festas como expresión da identidade da cidade e como un espazo de encontro, irmandade e convivencia. Candia subliñou que o San Froilán é unha celebración que “une e reúne”, especialmente importante “en tempos difíciles como os que corren”.
A alcaldesa iniciou a súa intervención lembrando a definición de Álvaro Cunqueiro do San Froilán como “as festas máis fermosas do outono galego”, unha afirmación coa que asegurou coincidir porque considera que se trata dunha festa de irmandade na que “non teñen sitio os muros que algúns queren levantar entre nós”.
Neste sentido, Candia destacou que, especialmente durante o San Froilán, Lugo é “unha cidade de portas abertas e acolledora”, dinámica pero tamén serena, na que se traballa “con rigor, apertura de miras e optimismo” para afrontar problemas como o da vivenda.
Durante o pregón, Elena Candia explicou tamén que o programa das festas permite mostrar o modelo de cidade que quere representar Lugo. A alcaldesa puxo en valor a vontade de “buscar pontes e traballar o entendemento con outros territorios”, e referiuse expresamente a Ourense, coa que Lugo comparte esa “Galicia de interior” e coa que, segundo sinalou, se poden construír alianzas para alcanzar un futuro mellor.
Candia destacou tamén o compromiso con coidar o talento local, unha prioridade que se reflicte na presenza da Banda Municipal de Música e das corais no inicio das festas. “Coidar o talento local é unha prioridade”, afirmou.
A alcaldesa referiuse igualmente ao sector primario e á tradición da feira coa que nacía o San Froilán aproveitando ese momento do discurso para enviar “unha forte aperta á familia da persoa falecida o ano pasado no desfile de gando” que este ano non se incluiu no programa.
Tradicións que seguen vivas
Os Pelúdez ocuparon tamén un lugar destacado no pregón. Elena Candia puxo en valor o traballo realizado este ano para achegar esta tradición aos máis novos, con visitas a colexios, hospitais e escolas infantís. Ao mesmo tempo, subliñou que o San Froilán representa tamén o carácter moderno e vivo da cidade, a través das orquestras e dos concertos para diferentes gustos, así como do protagonismo das agrupacións locais e dos pasarrúas.





Sonsoles Ónega, pregoeira
Elena Candia referiuse finalmente á pregoeira, Sonsoles Ónega, á que definiu como unha xornalista brillante e que mantén un vínculo especial con Lugo a través do seu pai, recentemente nomeado Fillo Adoptivo da cidade.
A alcaldesa sinalou que o seu pai lle ensinou “o lucensismo, o orgullo lucense e a grandeza da nosa cidade e do noso San Froilán”.
Candia pechou o seu pregón cunha invitación á cidadanía a vivir as festas: “Disfrutade e sentide estas festas que son vosas”, e expresou o desexo de que os lucenses as desfruten tanto como o Goberno municipal disfrutou traballando na elaboración do programa.
Recepción de autoridades
Antes do pregón houbo a recepción en alcaldía da pregoeira que asinou no libro de honra. Sonsoles Ónega escribiu «38 años después de que mi padre Fernando Ónega pregonara o San Froilán cojo el testigo con indisimulada emoción. A vosotros pueblo de Lugo encomiendo mi dicha».