Estrea ligueira con vitoria na difícil cancha chantadina.
A prensa local achacaba en boa parte a derrota ás baixas, pero o certo é que o Santo Domingo Betanzos chegaba a Chantada sen os interiores Luis Portilla e Miguel Latas (este último estará apartado das canchas varios meses) co que, en certa maneira, as “táboas” no apartado de ausencias non decantaron o resultado final senón o que se viu no serán do sábado na pista chantadina. E é que, descontando os primeiros minutos, nos que os locais lograron un +11 (19- 8) a falta de catro minutos para a fin do 1Q, o dominio do Santo Domingo foi máis ca patente: lograban chegar ao 2Q cun 22-22 e, a partir de aí, agás un empate a 19 no 3Q, gañaron todos os cuartos.
Chegaban os betanceiros co xogo interior reducido ao trío Rozas-Mori-Ríos e, malia ter que espremer o small-ball durante boa parte do encontro, o apartado dos rebotes caeu do lado visitante: 33-37.
Grandes números de Abelleira (21 puntos e 29 de valoración) e enorme partido do veterano pibote Marcos Rozas (15 puntos e 9 rebotes), a piques de lograr o dobre-dobre. Importante actuación do júnior Arón Espiñeira, con varias triplas consecutivas para amarrar a distancia final, e boa estrea do base ferrolán criado en Compostela Álvaro Bellón (7 puntos e 5 asistencias para un 19 de valoración). Sumaron tamén Randolph Acevedo (14 puntos), Nico Lagares (8) e Pablo Ríos (7), nunha actuación coral que José Amando “Soviético”, o adestrador betanceiro, resumía do seguinte modo: “Fantástico partido coma equipo. Aínda que tivemos un mal comezo no primeiro cuarto, o conxunto soubo traballar duro en defensa e recuperarse pouco a pouco da desvantaxe. Unha vez que dominamos o marcador, xa tivemos bastante control da situación cunha defensa dura e ataques ben elaborados. Debo destacar o traballo de todos os xogadores, aportando en ataque e en defensa”.
Nova cita, o domingo que vén, en Betanzos, contra o Universidad de Oviedo.
Pleno de vitorias na canteira
No que toca ao resto do club, a fin de semana do 3-4 de outubro deixou un pleno de vitorias. Gañaron os infantís masculino en Carballo (63-71), as infantís de Warnier Informática de Primeira en Lugo contra Ensino (58-78), as cadetes de Decornaveira nas Mariñas (80-33) fronte a Basquet Coruña Montespiño, as júnior contra BC U17 (50-68) e os seus compañeiros masculino fronte a Costa Ártabra en Ferrol (69-75).