A crise habitacional que hoxe enchoupa as nosas áreas urbanas -con epicentros de alta tensión na Coruña, Vigo ou na Compostela que vive arestora os excesos do turismo de peregrinación- sitúanos diante dunha encrucillada histórica que vai máis aló da simple xestión do solo. Atopámonos diante dun debate conceptual profundo, de raiz mesmo fundacional (constitucional e estatutaria), a respecto do modelo de sociedade que queremos edificar. Fronte á lóxica do beneficio financeiro ilimitado que converteu un ben de primeira necesidade nun activo puramente especulativo, cómpre afirmarmos a prevalencia do dereito á vivenda digna de todas as persoas. A propiedade privada cumpre, por mandato constitucional, unha función social que delimita o seu contido. E, xa que logo, ha de se subordinar a respecto do dereito á vivenda digna, á libre honrada chouza, que escribiu o noso poeta nacional Ramón Cabanillas. E afirmarmos este dereito nunha Galicia que padece a absoluta falla xa non só política de vivenda, senón de simple previsión do que se nos viña enriba, ao longo dos dezasete anos de governos de Feijóo e Rueda.
Porén, a singularidade sociolóxica de Galicia esixe fuxir de esquemas analíticos importados de realidades alleas e coñecermos a nosa realidade específica. O noso mercado do aluguer non está maioritariamente nas mans dos grandes fondos voitre ou das SOCIMIS que tensionan os prezos en Madrid a medio de estratexias deshumanizadas de captación do mercado. O verdadeiro drama do noso país reside nun paradoxo que o Instituto Galego de Estatística (IGE) pon no foco: conviven prezos prohibitivos nas cidades con máis de medio millón de inmobles baleiros. Moitos-si-no rural e nas periferias menos tensionadas, mais tamén unhas 20.000 na Coruña e unhas 13.000 en Vigo (*). A carón disto o Estado, a medio da SAREB, conta con 1763 no conxunto do país, das que 221 na Coruña e 49 en Vigo. (**) O stock de vivendas baleiras propriedade dos Bancos engadiría outras 4000 vivendas, segundo fontes solventes.
Velaí que enxergar solucións eficaces ao problema da vivenda na Galicia non habería pasar pola demonización simplista dos pequenos propietarios. O caseiro tradicional galego non é un axente especulador nin un inimigo de clase; decote trátase de familias de clase media e traballadora ou pensionistas que dispoñen dunha segunda vivenda-e moitas menos veces unha terceira- como un mecanismo de aforro que complementa dignamente pensións que seguen a estar á cola do Estado. E compre lembrarmos que o 80% das vivendas alugadas son propriedade de persoas físicas residentes, un 6,6% de sociedades limitadas, de alicerce personalista e só un 0,75% de S.A e SOCIMIS e semellantes (***), de alicerce propiamente capitalista.
Criminalizar este amplo sector sociolóxico sería un diagnóstico errado da nosa nestrutura social. A verdadeira solución acaída ao problema da vivenda en Galicia pasa, de xeito inevitábel, pola artellamento dun grande pacto social das Administracións coas persoas inquilinas e pequenas propietarias. Un acordo que é hoxe fulcral para a propia convivencia democrática e a paz social nas nosas vilas e cidades.
Este pacto ha ser liderado e arbitrado dende os concellos. As políticas locais han de se centrar en xerar incentivos intelixentes. A creación de Bolsas de Aluguer Municipais onde as Administracións exerzan como avalistas públicas garantindo o cobro puntual da renda aos pequenos aforradores e a restitucióndos inmobles alugados em boas condicions de uso. Pola súa banda, as pequenas propietarias haberán asumir rendas estábeis e accesíbeis para a cidadania demandante. A suba do IBI aos máximos legais posíbeis-e cómpre incrementalos por riba do máximo actual do 1,50% a medio da reforma da lexislación estatal de facendas locais- para as vivendas baleiras e maila restrición moi subsancial das vivendas de uso turístico nas zonas de aluguer tensionado haberían completar estas medidas.
Contar cun patrimonio público de vivenda para aluguer e contar, a medio dos pequenos propietarios inseridos nas Bolsas de Aluguer municipais, dun parque de vivenda concertada para o aluguer serán ferramentas moito máis decisivas ca a lenta construción de vivendas de protección autonómica que: i) exclúen moi amplos sectores sociais que só poden acceder ao aluguer e non a mercaren unha vivenda e ii) destinan recursos públicos á construción de vivendas que, a medio da fraude nos primeiros anos e da descualificación xurídica das vivendas como protexidas nos seguintes, irán en último de contas ao sector privado libre.
A vivenda ten de ser prioritariamente un dereito e non un negocio. Modelos de bo suceso como o de Viena demostran que é posíbel prover este dereito. Mais a súa protección esixe intelixencia estratéxica no canto de fronteiras artificiais.
(*), (**) e (***) Dados todos do IGE e INE analisados nunha reportaxe de Xacobe Ferreiro en Nos Diario.