O vicepresidente participou no acto de OPC Galicia celebrado onte en Madrid, ondesalientou a importancia do turismo MICE, “unha oportunidade estratéxica para Galicia e, moi especialmente, para a provincia da Coruña”.
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou onte en Madrid na presentación de Galicia MICE, unha acción promocional organizada por OPC Galicia coa colaboración dos principais convention bureaux galegos, que puxo o foco no potencial da provincia da Coruña como destino para o turismo de congresos, reunións, convencións e incentivos. Baixo o lema “A Coruña, un Camino al MICE”, o encontro serviu para presentar ante profesionais e operadores especializados a evolución e madurez do sector MICE galego, así como a súa capacidade para atraer novos eventos grazas á existencia dunha oferta consolidada de hoteis, espazos, empresas e servizos especializados.
Xosé Regueira salientou a importancia do turismo MICE, “unha oportunidade estratéxica para Galicia e, moi especialmente, para a provincia da Coruña”. “Falamos dun turismo que xera actividade económica, emprego e coñecemento, que conecta empresas e profesionais e que, ademais, contribúe de maneira moi importante á desestacionalización turística”, sinalou. Neste sentido, puxo en valor o potencial de Galicia para “competir neste mercado”, pois “temos unha identidade propia, unha oferta turística de enorme calidade, gastronomía, patrimonio, natureza, infraestruturas e, sobre todo, profesionais capaces de organizar eventos de primeiro nivel”.
No caso da provincia da Coruña, Regueira subliñou que “ten unha posición particularmente interesante”: “A Coruña é unha cidade aberta ao Atlántico, dinámica, empresarial e universitaria, cunha provincia que permite complementar o encontro profesional con experiencias vinculadas ao territorio”, explicou. O vicepresidente salientou tamén que o impacto do turismo MICE vai máis alá da celebración dos propios eventos, xa que permite que as persoas participantes coñezan o territorio e consuman produtos e servizos locais. “Queremos que quen veña a Galicia por un congreso ou por un encontro profesional non se limite a coñecer unha cidade ou un espazo de reunión. Queremos que descubra un territorio, a súa cultura, a súa gastronomía e a súa xente”, concluíu.
“Por iso é importante que hoxe presentemos Galicia MICE e A Coruña MICE: queremos dicir ao mercado estatal que Galicia está preparada para acoller congresos, reunións, convencións e viaxes de incentivo, e que temos unha proposta propia que merece ser coñecida”, afirmou. Ademais, Regueira referiuse á aposta da Deputación polo MICE, traballando “desde a absoluta cooperación: entre administracións, empresas, convention bureaux, universidades e todo o tecido profesional”. “Só así podemos facer crecer un sector que beneficia ao conxunto do territorio”, indicou.
A presentación en Madrid contou tamén coa participación de representantes do sector MICE galego e estatal, que coincidiron na importancia de sumar capacidades e fortalecer a colaboración entre administracións, empresas e entidades especializadas para consolidar Galicia como destino de referencia neste segmento.
A acción promocional de Madrid, que se celebra cada dous anos desde hai unha década, permitiu ademais dar a coñecer a oferta dos principais destinos galegos especializados neste segmento a través do Convention Bureau da Coruña, o Convention Bureau de Santiago e o Convention Bureau Rías Baixas, así como reforzar o contacto con profesionais e operadores do mercado estatal. O encontro puxo así de manifesto a evolución do sector MICE galego e a súa capacidade para ofrecer unha proposta baseada non só na calidade das infraestruturas e dos servizos profesionais, senón tamén na identidade, a autenticidade e a experiencia que ofrece o territorio galego.