A actividade, organizada pola Consellería do Medio Rural, combinou a parte técnica na Casa da Cultura cunha sesión práctica no Monte Carboeiro.
A Laracha acolleu no día de onte unha xornada técnica divulgativa organizada pola Consellería do Medio Rural sobre silvicultura de cuberta continua. Estivo centrada na transformación de piñeirais afectados polas enfermidades das bandas en masas mixtas con frondosas autóctonas.
A actividade reuniu no municipio a profesionais vinculados á xestión forestal procedentes de diferentes puntos de Galicia. A parte práctica desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura, onde se abordaron cuestións relacionadas coa lectura das masas forestais, a súa transformación, a sinalamento dos pés, as ferramentas para a toma de datos, a calidade en pé e a avaliación dos tratamentos. Contou coas intervencións de Isaac Fernández, técnico en Silvicultura de CESEFOR, e Marcos Estévez, enxeñeiro forestal de Amonte Bioeconomía, coa colaboración na sesión práctica de Iñaki Bergaretxe e Mónica Ramos, do Distrito Forestal II.
Posteriormente, a xornada trasladouse ao Monte Carboeiro, na parroquia de Erboedo, para realizar a parte práctica. Nesta sesión analizouse a aplicación dos contidos traballados durante a mañá nunha masa con piñeiro radiata e presenza de carballo, castiñeiro e outras frondosas, permitindo aos participantes realizar unha análise e discusión técnica directamente sobre o terreo. Esta fase práctica foi dirixida por Iñaki Bergaretxe e Mónica Ramos, do Distrito Forestal II.
O Concello da Laracha valora moi positivamente a celebración desta xornada no municipio, tanto pola oportunidade de acoller profesionais e persoal técnico procedente de diferentes puntos de Galicia como por contribuír a situar o territorio larachés como un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias relacionadas coa xestión forestal.