A deputada Natividade González participou hoxe na presentación de “Fran Pérez, Narf. Canto sentido”, unha publicación editada por aCentral Folque que reúne textos, fotografías, partituras, documentos e gravacións sobre a traxectoria do músico galego.
A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación do libro “Fran Pérez, Narf. Canto sentido”, unha obra editada pola aCentral Folque co apoio da área de Cultura da administración provincial. Cando se cumpren dez anos do pasamento de Narf, o volume nace para recuperar a memoria, o legado e a dimensión humana e artística dun dos creadores máis singulares, queridos e influentes da cultura galega contemporánea. Na rolda de prensa participaron a deputada de Cultura, Natividade González; o director artístico d’aCentral Folque, Ramón Pinheiro, e o escritor e amigo persoal do artista, Xelís de Toro, impulsor deste proxecto colectivo e coral.
González salientou a relevancia de manter viva a memoria dos grandes creadores galegos: “Dende a Área de Cultura entendemos que apoiar a cultura é tamén contribuír a preservar esa memoria. Non só dos grandes nomes que aparecen nos libros de historia, senón tamén de todas esas persoas que en diferentes ámbitos axudaron a construír o panorama cultural que temos hoxe”.
A deputada subliñou tamén que “un país se constrúe tamén coas vidas e coas achegas das persoas que abriron camiños, que crearon, que experimentaron e que contribuíron a facer máis rica a nosa identidade cultural. Fran Pérez segue formando parte da nosa historia e da nosa cultura”. Para González, libros coma o que hoxe se presentou son “tan necesarios, porque nos permiten recuperar historias, poñer as palabras e lembranzas e, sobre todo, facer que ese legado chegue tamén ás persoas que non tiveron a oportunidade de coñecer a Fran”.
O director artístico d’aCentral Folque, amosouse moi satisfeito polo resultado dun traballo extenso e complexo: “Entregamos todo o noso saber facer para que esta obra realmente perdure. Parécenos valiosísima, é un anaco de historia contemporánea de Galiza e, particularmente, da historia das artes e da cultura galega”.
Pinheiro agradeceu o apoio da Deputación e o labor de todos os autores, fotógrafos e técnicos implicados na edición dun libro complexo: “En aCentral Folque estamos tan esgotados como contentos porque realmente foi un traballo inmenso”. “Fran”, engadiu, “ten unha obra inmensa no ámbito da música, igual o máis coñecido, pero tamén no teatro e tamén para o audiovisual”. “Foron”, rematou, “moitas as facetas, deixou amigos e traballo por todo o mundo, en África, en América, en Europa e, por suposto, moitísimo en Portugal, onde tamén é moi querido”.
Xelís de Toro explicou a filosofía que guía a publicación: “É un traballo colectivo de moitas persoas que colaboraron de moitas maneiras. A idea é presentar unha visión moi ampla da súa figura, pero deixando portas abertas para que o traballo de Fran se siga estudando e desenvolvendo no futuro”.
Un retrato coral e unha antoloxía sonora
“Fran Pérez, Narf. Canto sentido” non é unha biografía convencional, senón un retrato coral e poliédrico. A través das súas páxinas reúnense voces e lembranzas de personalidades e amigos de Galiza, Portugal, Inglaterra e Moçambique, como Uxía, Quico Cadaval, Carlos Santiago, Marga Tojo, Alfonso Espiño, Pepe Sendón, Ramón Bermejo, Marcos Teira, Javier Abraldes, Prue Waller, Curtis Lugay, Jim Sanders, Cremildo Bahule, Catarina Estrela, Montse Dopico, Cheny Wa Gune, Sónia Sultuane, María Pérez, Zé Rui Martins, Antonio Vázquez e o propio Xelís de Toro, entre outros.
O libro inclúe a totalidade das súas letras, máis dun centenar de fotografías, partituras e documentos inéditos, entre os que destaca o diario da súa irmá María Pérez, que recolle as emocións e conversas dos días previos á súa última actuación.
No apartado sonoro, o volume compleméntase cunha antoloxía de gravacións da traxectoria de Narf e unha selección de “bonus tracks” con músicas compostas para o teatro, a videocreación e outros proxectos do artista. Todo este contido sonoro estará accesible para descarga mediante un código QR incluído nos exemplares, ademais dunha edición especial que incorporará o CD físico.
Xira de presentacións
Co apoio da Deputación, o libro terá un percorrido de presentacións e encontros co público; os máis deles, introducidos por Xelís de Toro. Na provincia confirmáronse datas en Santiago (na feira SELIC, o 10 de outubro, con María Pérez e Carlos Santiago), Bertamiráns (15 de outubro, na Casa da Cultura, con Uxía), A Coruña (na sede da AC Alexandra Bóveda, 16 de outubro, con Toño Pérez, irmán de Fran), Boiro (na Pousada da Galiza Imaxinaria, o 18 de outubro, co guitarrista Marcos Teira) e Carballo (dentro da programación do FIOT, o 22 de outubro, con Quico Cadaval). A estas citas súmanse as de Tondela, Portugal (no marco do festival FINTA, o 21 de outubro) e Lugo (Casa do Saber, o 18 de novembro, con Pepe Sendón e Quico Cadaval).