O BNG de Camariñas urxe ao goberno municipal a arranxar a rúa Grixa na Ponte do Porto

Os nacionalistas denuncian o «estado desastroso e lamentable» da vía, e sinalan que a veciñanza que vive no lugar «ten dereito a ter un acceso ás súas casas en óptimas condicións e con seguridade«.

O BNG de Camariñas urxiu ao goberno municipal a arranxar a rúa Grixa, na Ponte do Porto, «que se atopa nun estado desastroso e lamentable, con fochancas e o firme desfeito en múltiples tramos», e pediron ao equipo de goberno que actúe coa máxima prioridade e non atrase máis as obras que a vía necesita. 

Desde a formación nacionalista anunciaron que preguntarán ao executivo local se existe un proxecto de reforma da rúa, que une o antigo cemiterio de San Pedro co novo camposanto da Ponte do Porto. En caso afirmativo, o BNG instará ao goberno municipal a que o ensine publicamente.

«A veciñanza que vive nese lugar ten dereito a ter un acceso ás súas casas en óptimas condicións e con seguridade.  Na rúa Grixa xa se ten producido algún incidente polo seu mal estado, provocando incluso caídas de persoas», manifestou o portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña. 

O voceiro nacionalista, que visitou o lugar este mércores 7 de outubro, considera que o goberno local «ten que facer políticas centradas nas persoas que residen no noso municipio, pensando no día a día da veciñanza, para poder vivir nas condicións máis dignas posíbeis».

Rodríguez Baña advertiu que «non se pode centrar a acción de goberno en actuacións que convertan o noso concello nun parque temático, mentres logo hai abandonas rúas ou lugares que si son importantes para os habitantes de Camariñas».

Comparte éste artículo
No hay comentarios