O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou un rogo no pleno da corporación para esixir ao executivo de Carlos Calvelo unha corrección urxente nos traballos da primeira fase de humanización da Travesía de Arteixo. A formación,alerta de que o deseño que se está a executar deixa un espazo de vía rodada totalmente insuficiente no punto de acceso cara ao parque do Seixedo.
Dende o PSOE sinalan que o estreitamento da calzada nesa intersección impide que dous vehículos poidan circular ao mesmo tempo e supón un obstáculo infranqueable para os autobuses e vehículos de emerxencia que precisan acceder a dita área.
O voceiro socialista, Martín Seco, criticou que a falta de planificación e de rigor técnico do goberno do Partido Popular volva converter un proxecto teórico de mellora urbana nun problema diario para a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza.
O grupo socialista argumenta que moitos veciños e condutores xa lles trasladaron o seu estupor ao ver a anchura que lle están deixando á vía de acceso ao Seixedo. “Unha obra de humanización ten que servir para ordenar o tráfico e dar seguridade, non para crearlle un «colo de botella» a un dos parques máis concorridos do noso concello», sinalou o concelleiro socialista.
«O PP de Arteixo confunde humanizar con reducir a calzada sen sentido técnico. É incomprensible que nunha obra de millóns de euros na Travesía de Arteixo se execute un acceso ao parque do Seixedo polo que non poden pasar dous coches á vez nin un autobús con seguridade. Esiximos que o Concello rectifique a tempo, antes de dar por rematada a obra, e garanta un paso fluído e seguro para todos os usuarios», declarou o voceiro socialista, Martín Seco.