Antonio Ameijide reclama ao Goberno provincial “menos anuncios e máis resultados” e critica que PSOE e BNG non estean aproveitando o potencial turístico das instalacións fluviais da provincia: “ non só non fixeron nin unha soa instalación nova en 20 anos senón que están deixando morrer as que herdaron”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular da Deputación de Lugo denuncian a situación na que se atopan os embarcadoiros, clubs náuticos e áreas recreativas, que son de titularidade da Deputación, despois de que rematase a temporada turística sen que varias destas instalacións se chegasen a poñer en funcionamento.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que “non ten sentido que a PSOE e BNG falen continuamente do potencial turístico da provincia, pero deixen pasar os meses de maior afluencia turística sen poñer en funcionamento as instalacións que poderían atraer turistas”.
Neste senso, Ameijide reclama á presidenta provincial que “se deixe de anuncios de escusas e que amose resultados” porque “a etapa dos anuncios e dos titulares dun día que nunca se convertían en realidade xa o sufrimos todos os lucenses con José Tomé e os anteriores gobernos de PSOE e BNG”.
SITUACIÓN DAS INSTALACIÓNS
- Club Náutico de Ponte do Sil (Monforte de Lemos): Dende o goberno provincial explicaron que se atopa próximo á adxudicación; pero a etapa de maior actividade xa pasou co verán.
- Náutico de Portomarín e Área Recreativa dos Robles: os procesos de adxudicación de ambas instalacións quedaron desertos ao non presentarse ofertas, tal e como recoñeceu Carmela López. “Que dous equipamentos provinciais queden desertos debería facer reflexionar ao goberno da Deputación sobre se fixeron todo o necesario para conseguir atraer operadores e proxectos capaces de poñelos en funcionamento, chama a atención que non haxa quen se queira encargar destas instalacións con localizacións privilexiadas e servicios de primeiro nivel”.
- Náutico de Augas Mestas (Quiroga), Os Chancís (Sober) e Maiorga (Pantón): Carmela López dixo que os expedientes están en tramitación, pero ao igual que en Ponte do Sil, a etapa de maior actividade xa rematou sen que se puxeran en servizo.
“Non podemos conformarnos con escusas como que os concursos quedaron desertos ou que os expedientes se están a tramitar. Nin PSOE nin BNG tiveron a previsión suficiente como para comezar as licitacións en tempo e forma para que puidesen estar todas estas instalacións no verán”, criticou, ao que engadiu que “se o obxectivo era que estivesen funcionando durante a temporada turística, PSOE e BNG fracasaron estrepitosamente”.
SEN ACTIVIDADE NO VERÁN
Antonio Ameijide lembrou que a primavera e, especialmente, os meses de xuño, xullo, agosto e setembro son fundamentais para o turismo na provincia. “Precisamente cando máis visitantes temos na provincia, cando máis xente busca actividades de natureza, lecer e turismo activo, PSOE e BNG non foron capaces de poñer en funcionamento todos estes equipamentos”, denunciou.
O voceiro popular afirmou que PSOE e BNG deben explicar que planificación teñen para estas instalacións. “Non se trata simplemente de sacar un concurso e esperar a ver se alguén se interesa. Trátase de ter unha estratexia, coñecer o territorio, falar cos posibles operadores, analizar as condicións económicas e administrativas e facer todo o posible para que o patrimonio provincial estea ao servizo dos concellos e dos visitantes”, sinalou.