A Laracha. O plan estratéxico de subvencións contempla incrementar as axudas municipais nun 36 % ata 2028

Tamén foi aprobada polo Pleno extraordinario de hoxe a carreira profesional municipal.

Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada hoxe aprobouse o Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2026-2028, un instrumento de planificación que establece as principais liñas de actuación e os obxectivos aos que se orientarán as axudas municipais durante os próximos anos.

O plan contempla un incremento progresivo dos recursos destinados a subvencións do Concello. Para o ano en curso está consignada unha dotación de 467.310 euros, que se elevaría a 552.406,50 euros en 2027, o que supón un incremento do 18,2 %. Para 2028 está prevista unha nova subida ata os 635.017,48 euros, un 15 % máis respecto do exercicio anterior. No conxunto do período, os recursos previstos aumentarán un 35,9 %.

O documento estrutura a actividade subvencionable en cinco grandes liñas estratéxicas: benestar e protección social; cultura e actividade social; educación e deporte; promoción económica e emprego; e unha nova de igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero. O alcalde, José Manuel López Varela, detallou que as cifras actuais se incrementan cada ano nun 15 % e que, ademais, se incorpora con dotación económica específica esa nova área para subvencionar a actividade de entidades relacionadas coa igualdade.

Dentro de cada área inclúense tanto as convocatorias de concorrencia competitiva como as subvencións nominativas previstas nos orzamentos municipais. Entre os ámbitos aos que se dirixirán as axudas están o apoio ás entidades deportivas, culturais e educativas, a escolarización (bolsas de estudos), as emerxencias sociais, a promoción do comercio e da economía local, a organización de actividades culturais e deportivas ou a colaboración con entidades vinculadas á actividade festiva e social do municipio (Comisións de Festas).
Así, o Plan Estratéxico de Subvencións permitirá establecer unha planificación plurianual da política municipal de axudas, vinculando cada liña aos obxectivos que se pretende acadar e aos recursos dispoñibles. Tamén establece mecanismos de seguimento e avaliación para comprobar o grao de cumprimento deses obxectivos e a adecuación dos recursos empregados, podendo modificarse ou substituírse aquelas liñas que non acaden os resultados esperados.

O Plan Estratéxico de Subvencións foi aprobado coa única abstención dos tres edís do grupo do BNG.
Regulamento da carreira profesional do persoal municipal.

Houbo unanimidade dos tres grupos na aprobación inicial do Regulamento polo que se articula a avaliación do desempeño e a carreira profesional horizontal do persoal do Concello da Laracha.

A finalidade é a creación dun sistema que permitirá recoñecer de maneira individualizada a traxectoria e o desenvolvemento profesional dos empregados públicos municipais, tendo en conta aspectos como a experiencia, a formación, os coñecementos adquiridos, a calidade do traballo realizado, a participación, a iniciativa e o compromiso co servizo público.

A carreira profesional aprobada estrutúrase en diferentes graos aos que se poderá progresar de maneira sucesiva, sempre de acordo coa permanencia no posto, a formación e unha avaliación positiva do desempeño. Trátase dun sistema voluntario, personalizado, progresivo, avaliable e transparente, no que os criterios de valoración son públicos e a progresión ten carácter consolidable.

A implantación deste sistema permitirá ofrecer aos traballadores municipais unha vía de recoñecemento da súa evolución profesional e favorecerá a actualización de coñecementos, a formación continua, a motivación e a mellora da calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.

A proposta fora obxecto de negociación cos representantes do persoal nas correspondentes mesas xerais e incorpora a versión definitiva do regulamento elaborada tralos informes preceptivos e o proceso de negociación desenvolvido durante os últimos meses. O texto deberá superar o período de 30 días de exposición pública antes de ser aprobado con carácter definitivo.

López Varela agradeceu o apoio dos tres grupos municipais a “un tema que afecta directamente a todo o persoal do Concello”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios