Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, dedicado este ano á saúde mental da poboación infanto-xuvenil, a Confederación Salud Mental España lanza unha campaña co hashtag #MatchSaludMental composta por unha serie de infografías que visibilizan as problemáticas que afectan ao benestar de nenas, nenos e mozos.
A saúde mental da infancia e a mocidade constitúe un dos principais retos na actualidade. Unha de cada sete persoas mozas de entre 10 e 19 anos ten algún problema de saúde mental[1], nun contexto marcado polo empeoramento do seu benestar emocional. Este deterioro non responde unicamente a factores individuais; o contexto económico, a precariedade, as dificultades para desenvolver un proxecto de vida, as violencias, a contorna dixital ou a soidade non desexada son algúns dos condicionantes que poden afectar ao benestar das persoas mozas. Abordalos require respostas colectivas e políticas públicas centradas nos seus dereitos.
Baixo o lema ‘Fai match coa túa saúde mental’, o movemento asociativo FEAFES, a través da Confederación Salud Mental España, quere aproveitar o Día Mundial da Saúde Mental deste ano, que se conmemora o 10 de outubro, para poñer o foco neste sector da poboación.
Determinantes sociais que afectan á saúde mental
O acceso á vivenda e ao emprego son dous dos factores que determinan o benestar das persoas mozas. A idade media de emancipación en España é de 30,2 anos, o que significa que a independencia xuvenil atópase en mínimos históricos, segundo o Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude de España. Ademais, o 42% das persoas de entre 24 e 35 anos afectadas pola crise da vivenda percibe a súa saúde mental como mala ou regular. Entre quen destina máis do 50% dos seus ingresos á vivenda, os problemas de saúde mental duplícanse fronte a quen dedica menos do 30%1. E, por outro lado, unha de cada catro persoas mozas afirma ter sufrido ou experimentado situacións de violencia laboral durante os seus primeiros anos de emprego[2], unha situación que se suma á precariedade que moitas e moitos sofren.
Por todo iso, resulta imprescindible impulsar políticas específicas que faciliten o acceso das persoas mozas a unha vivenda, así como fomentar o emprego xuvenil e combater a precariedade laboral, que dificulta o desenvolvemento dun proxecto de vida autónomo.
As violencias sufridas na infancia e na mocidade teñen tamén un fondo impacto na saúde mental. Entre un10% e un 20% da poboación sufriu algún tipo de agresión sexual durante a súa infancia[3]. O 44% das mulleres novas que sufriron violencia en parella declara ter problemas de saúde mental[4], e 1 de cada 7 persoas mozas sufriron algún tipo de violencia en liña durante a súa infancia ou adolescencia2.
Ante esta realidade, o movemento asociativo FEAFES reclama a creación dunha estratexia de formación, prevención e actuación fronte ao abuso sexual infantil, tanto no ámbito escolar como familiar, así como garantir o acceso á educación afectivo-sexual dende as primeiras etapas da ensinanza regrada.
Respecto ao entorno dixital, a idade media de acceso ao primeiro móbil é de 10,8 anos, o que significa que o uso do teléfono prodúcese cada vez máis pronto[5]. Ante unha incorporación cada vez máis temperá ás contornas dixitais, resulta fundamental formar a docentes, familias e mocidade sobre o uso destas ferramentas, os seus riscos e os seus beneficios. FEAFES reclama, ademais, estratexias que protexan a nenas, nenos e adolescentes fronte aos riscos asociados ás contornas dixitais.
Adiccións e conduta suicida
As adiccións con e sen substancia son outro factor a ter en conta. O 73,9% do alumnado de entre 14 a 18 anos declara ter consumido alcol algunha vez na vida, sendo a substancia psicoactiva máis consumida[6]. O 13% dos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos presenta un uso problemático dos xogos de azar en liña, cifra que alcanzou un novo máximo histórico en 2025[7].
Desde o movemento asociativo FEAFES proponse impulsar accións de sensibilización sobre o risco que supón o consumo de drogas no desenvolvemento dos trastornos mentais. É fundamental involucrar ás institucións educativas e ao persoal docente para levar medidas e programas ás aulas.
A campaña tamén pon o foco na necesidade de desenvolver políticas de prevención do suicidio, xa que 1 de cada 10 adolescentes afirma ter desexado quitarse a vida[8]. Garantir a saúde mental de nenas, nenos e adolescentes require, en definitiva, unha resposta integral que actúe tanto sobre a prevención como sobre os determinantes sociais e asegure recursos suficientes e unha atención sociosanitaria coordinada.
[1] Organización Mundial da Saúde (OMS)
[2] Informe violencia laboral en España. Fundación 1º de maio.
[3] Os abusos sexuais cara a infancia en España. Save the Children.
[4] Violencia de xénero na xuventude. As mil caras da violencia machista. INJUVE.
[5] Infancia, adolescencia e benestar dixital. UNICEF España.
[6] Enquisa sobre o uso de drogas en ensinanzas secundarias en España. Plan Nacional sobre Drogas.
[7] Informe sobre adiccións comportamentais e outros trastornos adictivos (2025). Observatorio Español das Drogas e as Adiccións.
[8] Saúde mental na poboación infanto-xuvenil en España. Observatorio Español da Saúde Mental Infanto-Xuvenil.