Francisco Conde incidiu na “clara reivindicación” da Xunta de Galicia para que Lugo teña acceso a redes eléctricas: “Agardamos que haxa unha rectificación para que Lugo poda ter na planificación eléctrica ese protagonismo que agora non ten”.
O PP lucense e os representantes do sector empresarial coinciden na necesidade de “adoptar medidas para favorecer unha maior competitividade do tecido produtivo” vinculadas ao eido enerxético, da fiscalidade, da innovación e do talento.
Así o trasladou despois de participar xunto a Jaime De Olano, Antonio Ameijide e Cristina Abades nunha reunión de traballo con membros do Consello de Administración e do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) coa que dan continuidade aos encontros cos distintos actores económicos e sociais da provincia. Neste caso, puideron intercambiar opinións sobre a situación, dende o punto de vista económico, que está a atravesar a provincia e, sobre todo, sobre os retos de cara ao futuro.
Conde incidiu na necesidade de que “Lugo, dende o punto de vista eléctrico, poda ter acceso a redes”. Nese sentido, lembrou a “clara reivindicación da Xunta de Galicia para que o Goberno de España poda permitir que Lugo estea dentro da planificación eléctrica. Ben para o tecido industrial que xa está instalado e queira medrar ou ben para captar novos investimentos. Agardamos que haxa unha rectificación para que Lugo poda ter na planificación eléctrica ese protagonismo que agora non ten”, subliñou.
O popular explicou que “durante a reunión tamén se abordaron distintas medidas para favorecer a competitividade a través da fiscalidade -que afecta tanto ás propias empresas coma as familias que sofren unha importante perda de poder adquisitivo- e da innovación que podan permitir que Lugo poda seguir medrando”.
Tamén foron obxecto de debate outras situacións ás que se enfrontan no día a día as pequenas e medianas empresas, que son as que están máis achegadas ao terreo, coma o absentismo laboral ou a formación para o emprego.
Conde tamén sinalou a conectividade como elemento fundamental para favorecer a competitividade da provincia. “Lugo precisa desa conectividade para ser competitivo e para facilitar o movemento dos cidadáns”. Nese sentido, fixo referencia ás infraestruturas e servizos ferroviarias: “Lugo necesita estar conectada por alta velocidade, o que suporía un salto cualitativo dende o punto de vista da competitividade e de oportunidades vinculadas ao turismo, e tamén recuperar as frecuencias e conexións”. E dende o punto de vista das autovías e estradas: “precisamos que haxa unha finalización das diferentes conexións para conectar Lugo con Santiago e Lugo con Ourense ou a autovía da Mariña para favorecer a conectividade das familias e tamén das empresas”.
Os populares lembraron tamén que, dende o eido local, o goberno local tamén está implementando medidas como bonificacións fiscais vinculadas á creación de emprego indefinido para empresas que se instalen ou amplíen instalacións en Lugo.
REPRESENTACIÓN SECTORIAL
Os populares agradeceron a acollida e o diálogo no marco dunha reunión de traballo na que participaron representantes do Consello de Administración e do Consello Asesor da CEL.
Entre os asistentes atopábanse Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL; Jaime López, secretario xeral CEL e presidente da Cámara de Comercio de Lugo; Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL; Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural Galega; Cheché Real, presidente da APEHL; José Eduardo Fernández, presidente APIEL; e José Ángel Penas, CEO de Grupo Norbel.