O Racing escolle Riazor para celebrar a primeira vitoria como visitante

O primeiro gol de Ropero como racinguista serviulle ao cadro de Ferrol para conquistar Riazor e sumar a primeira vitoria ligueira como visitante, O tanto, anotado ao fío do descanso, quebrara o equilibrio existente durante a primeira metade. Na segundaparte o cadro ferrolán sufriu ao verse en inferioridade pola expulsión de Álvaro Ramón. No Fabril, que presentaba varias baixas, estreáronse na categoría Pablo García e os atacantes xuvenís Mejía e Leandro.

O oportunismo de Ropero

Sorpresas nos dous onces, máis en nomes que en debuxos, e un Racing moi agresivo no arrinque do xogo, cun primeiro disparo de Ropero que atallou Hugo ao minuto de comezar. Ao Fabril custáballe construír e demorou até que puido probar a Lucas no minuto oito. A defensa racinguista deulle distancia a Rubén, que xutou con potencia desde lonxe para que o meta visitante rexeitara a pelota á frontal da área. O Fabril foi sacudindo pouco a pouco o dominio inicial do cadro ferrolán e ao cuarto de hora o xogo estaba equilibrado.
O Fabril daba máis sensación de perigo por un par de centros laterais no que a defensa rival dubidou, aínda que a ocasión máis clara para os locais naceu dun erro de Álvaro Ramón no minuto 21. O lateral, querendo liberarse da presión cun pase a Monjonell, entregoulle o balón a Álvaro, que estaba por diante do catalán. O central só puido presionar, sen evitar o golpeo raso do fabrilista, pero Lucas chapou lanzándose ao chan.
O Racing non se daba axustado na liña media en situacións defensivas. Pouco despois foi San José, a quen lle concederon espazo. O madrileño xutou en condución desde fóra da área mandando a pelota por riba do traveseiro.
O Fabril mantivo o recurso dos disparos afastados tento en conta a permisividade que lle seguía dando o conxunto da cidade naval. O seguinte foi Quique, que obrigou a Lucas a facer unha estirada para evitar un gol que entraba rozando a barra do marco.
Malia todo, a acción máis clara para desnivelar o marcador até ese intre foi para o Racing. Fabio fechou un córner, o rexeitamento foi para Raúl Blanco, cuxo disparo bateu nun defensa e Eto’o, de reviravolta, xutou a gol. Hugo, cunha estirada milagrosa, evitouno sobre a liña..
Menos dificultade tivo a seguinte parada de Lucas. Coidando o primeiro pau, chapou a cabezada de Iker Gil a centro de San José, que nesa parte do encontro estaba moi activo.
O partido encamiñábase ao descanso co resultado inicial cando a zaga local descoidouse. Eto’o recibiu na frontal, puido revolverse para xutar, Samu desviou á posición de Ropero, que entrando só pola esquerda da área cruzou á base do pau para colocar a pelota dentro da portería.

A expulsión de Álvaro Ramón dá un dominio sen gol ao Fabril

Ningún técnico trocou xogadores no comezo do segundo tempo, que se moveu baixo semellantes parámetros que o primeiro. A presión do Racing dáballe certo control provocando imprecisións nos pases longos fabrilistas. O mellor dos locais foi un centro de Justino ao segundo pau. Guerrero golpeou moi mal, pero Justino puido recuperar o coiro para irse á frontal da área desde onde xutou desviado.
No minuto 52. despois, nunha progresiva ruptura de liñas de Quique, o central foi driblando a todos os verdes que aparecían polo seu lado, cedeu a Mardones, que entraba pola dereita, e o ex racinguista, tras un recorte no bico da área, xutou contra o lateral externo da rede.
O Fabril foi tomando o control do partido a partir desa acción. Javi Vázquez fixera as primeiras modificacións, que non rebaixaron o dominio local.
Superada a hora, logo que Manuel Pablo introducira a David Domínguez en ataque, o Fabril volveu a dispoñer doutra oportunidade saída dunha temporización de Guerrero. O extremo cedeu a Álvaro, que se ofrecía na área, pero o golpeo cruzado do branco e azul foi afastándose da portería.
Un dos momentos chave do partido aconteceu no minuto 66, cando Álvaro Ramón foi a un balón dividido contra un rival, chegou tarde e deixou ao equipo con dez ao ver o segundo cartón amarelo.
A expulsión determinou como sería o xogo até o remate. As substitucións de Javi Vázquez poboaron a defensa racinguista con cinco homes, mentres que Manuel Pablo foi incorporando progresivamente atacantes, co que se estrearon os xuvenís Mejia e Leandro, ademais de dar os seus primeiros minutos da liga a Pablo García.
Malia todo, o Racing puido sentenciar nunha acción pola dereita. Alcaina achegouse ao lateral da área, viu a chegada de Arroyo polo carreiro do 8, pero o disparo sobre a marcha do pucelano foi desviado por outra espectacular estirada de Hugo.
No minuto 88, o Fabril gañou unha superioridade numérica pola dereita do seu ataque. Estévez, perto do bico da área, apareceu liberado para un disparo axustado, pero a pelota recorreu o lateral externo da rede.
Lucas volveu responder cun desvío a outro xute de Estévez desde fóra da área no minuto cando pasaban tres minutos do 90 nunha prolongación con accións polémicas, como a contra propiciada por Saúl, que caeu na área antes de rematar baixo a presión de Samuel. O colexiado non asinou penalti.
Co tempo concluído e o Fabril fechando ao Racing na súa área permanentemente, os locais reclamaron un penalti na derradeira xogada do partido. Logo da revisión no monitor o colexiado non o apreciou e deu por rematado o encontro. O Racing saíu de Riazor conquistando a súa primeira vitoria como visitante na temporada ante un Fabril que vendeu moi cara a súa derrota.

Ficha

SÁBADO 10/10/2026 (16,30) Campo: RIAZOR (A Coruña) (2.761)
R.C.D. FABRIL : 0 – RACING C. FERROL : 1 (0‑1)

FAB : Hugo; Mardones (Pablo García 70’), Quique, Samu, Iker Vidal; Guerrero (Leandro 77’), San José (Estévez 77’), Álvaro (Mejía 70’), Rubén, Justino (David Domínguez 60’); Iker Gil. Tre. Manuel Pablo. (Banco: Leiva (g); Vergara; Seco; Yayo; Xabi Campos).
RAC : Lucas; Leal, Germán, Monjonell, Álvaro Ramón; Raúl Blanco (Saúl 72’), Fabio, Esquerdo (Bernal 53’), Ojeda (David Castro 72’); Ropero (Arroyo 53’), Eto’o (Alcaina 61’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); Edgar; Sekou; Buján; Azael).
Goles: 0-1 Ropero 43’.
Árbitro: García Arriola (País Vasco). Auxiliares: Madrid Vara e Castresana Zorroza. 4º árb.: Barrio Salas.
Disciplina: CA: Raúl Blanco 28’; Fabio 46’; Ojeda 59’; Teijo 80’; Samu 86’ // DA: Álvaro Ramón 54’ e 66’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios