Unha nova xornada formativa da Rede Cultural da Deputación da Coruña explorará como aumentar a participación do público

A terceira Xornada Formativa da Rede Cultural celebrarase o 13 de outubro no Centro Cultural A Fábrica de Perillo, en Oleiros, e reunirá profesionais do ámbito cultural para analizar novas formas de participación e implicación da cidadanía.

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro martes 13 de outubro a xornada formativa “Estratexias de participación do público” en Oleiros, centrada na procura de novas formas de achegar a cidadanía aos espazos e ás actividades culturais, así como no desenvolvemento de modelos de participación máis activos e inclusivos. O foro de traballo desenvolverase no Centro Cultural A Fábrica de Perillo a partir das 10:00 horas. A iniciativa presentouse esta mañá, nun acto no que participou a deputada de cultura, Natividade González, e o comisario da xornada, Roberto Pascual.

A deputada de cultura sinalou a importancia de garantir o dereito á cultura e o papel “fundamental” que xoga nese sentido a Rede Cultural da Deputación. “Hai barreiras económicas, xeográficas, sociais, xeracionais e mesmo culturais que condicionan o acceso á cultura. Por iso é importante que desde as administracións públicas non nos limitemos a apoiar a programación, senón que tamén contribuamos a crear públicos, a escoitalos e a entender que é o que necesitan. A cultura non pode ser algo que simplemente ofrecemos á cidadanía. Ten que ser tamén algo que construímos coa cidadanía”.

Neste sentido, Natividade González apuntou que a Rede Cultural “non é unicamente un programa de contratación de espectáculos; é unha ferramenta que permite que a creación cultural galega circule polo territorio, que os concellos poidan desenvolver programacións estables e que moitas persoas teñan acceso a propostas culturais que doutro xeito dificilmente chegarían aos seus lugares de residencia”. Ademais, engadiu que estas xornadas “teñen precisamente esa finalidade: compartir experiencias, aprender de quen está traballando directamente co público e incorporar novas ferramentas á maneira de facer política cultural”.

Programa

A programación aborda as dificultades que aínda existen para conseguir que determinados grupos sociais se sintan interpelados e participen na actividade cultural, explorando as barreiras que aínda impiden unha maior implicación. Con este obxectivo, a xornada contará con dúas dinámicas:

·A primeira será un coloquio con Lucía Filloy, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros; Alexandre Marín, técnico de Cultura do Concello de Culleredo, e Carlos Lorenzo, técnico de Cultura do Concello de Carral, dinamizado por Roberto Pascual. A conversa xirará arredor da participación dos centros escolares, o teatro e as artes de rúa ou a colaboración entre concellos, entre outros, así como se realmente está superada a concepción da cultura como unha actividade elitista.

A segunda dinámica consistirá nun teatro foro (un tipo de teatro participativo) orientada a explorar fórmulas para a creación dunha estrutura real de gobernanza participativa nun concello. A proposta estará dinamizada polo actor Miguel Canalejo e contará coa participación de persoas vinculadas a colectivos culturais, entidades do terceiro sector, compañías e produtoras, xunto con persoal técnico, artístico e persoas usuarias habituais dos equipamentos culturais.

As xornadas técnicas da Rede Cultural, organizadas pola Deputación da Coruña e das que forma parte esta cita, nacen para facilitar e mellorar a calidade do servizo que presta esta rede á cidadanía. Trátase de xornadas pragmáticas, concibidas con carácter técnico e reflexivo, formativo e con espírito colaborativo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios