Convocada para este martes unha protesta contra a planta de biogás da Laracha ante Augas de Galicia na Coruña

A Plataforma Stop Biogás A Laracha convoca unha nova concentración en contra do proxecto de macroplanta de biogás previsto na parroquia de Soandres. Como é habitual cada día 13 —data que conmemora o día en que se fixo público o proxecto—, a veciñanza volve á rúa para amosar o seu rexeitamento frontal a unha iniciativa que conta coa oposición maioritaria da comarca e dos concellos afectados.

Nesta ocasión, a protesta desprazase ata a cidade da Coruña para concentrarse diante da sede de Augas de Galicia, un dos organismos autonómicos clave implicados no proceso de autorización do complexo industrial. A cita será este martes 13 de outubro, ás 11:00 horas, no número 2 da rúa Vicente Ferrer.

Para facilitar a asistencia de todos os veciños e veciñas e fomentar a mobilidade sustentable reducindo a pegada ambiental, a organización estableceu un punto de encontro previo no Mosteiro de Soandres ás 10:00 horas, onde se organizarán vehículos compartidos.

«Toca volver saír á rúa»

Tras numerosos intentos infrutuosos de trasladar os seus argumentos legais, medioambientais e sociais ás administracións implicadas, dende a Plataforma consideran que a vía institucional debe ir acompañada da presión cidadá: «Toca volver saír á rúa e mostrar que a veciñanza quere participar e ser tida en conta nas decisións que lles afectan», afirman.

O proxecto de macroplanta en Soandres xerou unha profunda preocupación polo impacto directo que podería ter sobre a contorna, especialmente sobre os recursos hídricos e naturais da zona.

Concienciación dende a base

En paralelo ás accións de protesta e loita administrativa, a Plataforma mantén un firme compromiso coa sensibilización social. Mostra diso foi a actividade celebrada este pasado sábado no marco da XVI Festa Gastronómica, organizada pola Asociación Santa Lucía de Soandres no Campo de Fútbol de Vista Alegre —situado a escasos metros de onde se proxecta a planta—.

Membros da Plataforma colaboraron no evento cun obradoiro e un concurso infantil centrados no valor do río Anllóns e en concienciar aos máis pequenos sobre os graves impactos ambientais que a macroplanta de biogás xeraría sobre este ecosistema fluvial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios