Sumar: Paulo Carlos López sitúa a Fronte Ampla como «a gran alternativa en Galicia pola vivenda e contra a extrema dereita

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, anunciou hoxe que a organización pecha mañá, 13 de outubro, o prazo de postulación de candidaturas ao Congreso e ao Senado. Tras este trámite, abrirase un período «exprés» para a recollida de avais, dando un paso decisivo na conformación das listas electorais para os comicios xerais do vindeiro 29 de novembro.

A papeleta da xustiza social e a vivenda

Fronte aos retos actuais, López situou a formación como a alternativa clara para a maioría social: «A Fronte Ampla estará en Galicia e será a papeleta pola vivenda e contra a extrema dereita. Unha papeleta para defender os salarios, garantir o traballo digno, potenciar o autogoberno e asegurar un Goberno de esquerda no Estado», afirmou con rotundidade.

O dirixente galego subliñou que o proceso se está a construír desde o territorio, contando co peso das organizacións con implantación real: «Avanzamos de forma positiva coas forzas presentes en Galicia. Temos organización, presenza nos concellos e vínculos fondos co tecido social e sindical. Esa realidade é fundamental para construír unha candidatura ampla, plural e con capacidade de representar o noso país».

Unidade fronte aos personalismos e obxectivos para o 29N

López insistiu na necesidade de facilitar acordos transversais e apostou por «poñer o común por diante», criticando os «excesivos egos e personalismos que destrúen a unidade» no conxunto do Estado. Para o secretario xeral, a prioridade debe ser responder ás urxencias cotiás da cidadanía.

Respecto ás expectativas electorals, amosouse plenamente confiado: «Imos repetir ou mellorar o resultado de 2023. Saímos coa ambición de manter e ampliar a representación galega e de facer que esa forza sirva para dar un novo impulso progresista ao Goberno do Estado».

Concluíu fixando o foco nas preocupacións reais dos galegos e galegas: «O que está en xogo é poder pagar un alugueiro, acceder a unha vivenda digna e vivir con dereitos. Queremos que a cidadanía galega saiba con claridade que a nosa candidatura é a resposta firme fronte a esta situación». Engadiu: «A Fronte Ampla estará en Galicia e será a papeleta pola vivenda e contra a extrema dereita»

Comparte éste artículo
No hay comentarios