A actuación inclúe a creación de zonas axardinadas con macizos florais e especies arbóreas, e un sendeiro de grava ornamental.
O obradoiro de emprego A Laracha X iniciou os traballos de acondicionamento da parcela que alberga a casa reitoral de Montemaior, unha das actuacións previstas dentro da fase práctica deste programa dual de formación e emprego que promove o Concello co apoio económico da Xunta de Galicia.
O alcalde, José Manuel López Varela, o edil de obras, Pablo Cambón, e a concelleira de Emprego, Rocío López, visitaron o lugar das actuacións para coñecer o desenvolvemento dos primeiros traballos e manter un encontro coa directora e cos docentes do obradoiro para abordar a planificación das intervencións que se levarán a cabo neste espazo.
Os labores están a ser executados polo alumnado da especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Nunha primeira fase realizouse o desbroce da parcela e os traballos de preparación do terreo para proceder ao sementado do céspede. A continuación, crearase o peche axardinado mediante a plantación de macizos florais e especies arbóreas decorativas. Tamén se contempla a creación dun sendeiro de grava ornamental que comunicará as diferentes zonas e instalacións existentes na parcela -edificio principal e anexos, incluíndo os novos aseos públicos creados recentemente polo Concello-, facilitando así o tránsito a pé polo espazo e contribuíndo á súa ordenación.
Nunha fase posterior intervirá o alumnado da especialidade de traballos de carpintería e moble, que se encargará de construír unha estrutura de madeira destinada a funcionar como refuxio climático xerando unha zona de sombra para o uso e desfrute das persoas que se acheguen ao lugar.
Estas actuacións contribuirán á mellora e posta en valor da contorna da casa reitoral, edificio que está a ser obxecto dunha reforma integral para transformalo nunha instalación municipal destinada a acoller iniciativas relacionadas especialmente coa valorización do sector primario e actividades de voluntariado xuvenil, ao funcionar tamén como albergue. Na mesma parcela creáronse ademais aseos públicos para uso da cidadanía.
Os traballos en Montemaior forman parte do conxunto de intervencións que o alumnado do obradoiro de emprego A Laracha X está a desenvolver en diferentes espazos públicos do municipio. Entre elas figuran a mellora de estruturas de madeira da área recreativa de Gabenlle e paseo fluvial do Anllóns, e axardinamento das prazas do Concello, O Recreo e da Cultura, así como na área verde da urbanización Monte Claro, en Cabovilaño.
No obradoiro de emprego A Laracha X participan vinte alumnos traballadores, dez en cada unha das dúas especialidades, que están vinculados ao Concello mediante un contrato de formación. Durante o programa combinan a aprendizaxe teórica coa práctica profesional mediante a realización das citadas actuacións de interese xeral para o municipio. Ao remate do obradoiro, e sempre que superen satisfactoriamente a formación, obterán o correspondente certificado de profesionalidade que acreditará a cualificación adquirida e favorecerá as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.