Ana González Abelleira: “Candia ten máis promesas ca recursos e inventa un desequilibrio económico para ocultar a súa mala xestión”

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Ana González Abelleira denunciou hoxe con dureza que o goberno de Elena Candia está a impulsar un relato ficticio de desequilibrio económico no Concello de Lugo. Segundo a edila, esta estratexia busca «preparar o terreo para xustificar os seus incumprimentos culpando ao goberno anterior» e ocultar unha xestión baseada en «promesas sen recursos».

Un Concello saneado: contas abaladas polos técnicos

González Abelleira subliñou que os datos oficiais e os informes de Intervención e Tesourería desmontan calquera teoría de ruína económica. A liquidación da Conta Xeral reflectía un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros, un remanente de tesourería de 17,4 millóns —que acadaba os 23,3 millóns tras os axustes— e 19,8 millóns de euros de liquidez bancaria, cumprindo estritamente coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria. «Non recibiron un Concello en ruína. Compraron a través dunha tránsfuga un Concello con aforros, liquidez e capacidade financeira. Os datos oficiais están aí e non se poden borrar cunha campaña de propaganda», aseverou a concelleira socialista.

Compromiso de aforros e disparou da débeda

Para o PSOE, a verdadeira preocupación radica no uso que o actual executivo está a facer dos fondos públicos. A formación cifra en preto de catro millóns de euros os aforros municipais comprometidos en poucos meses en gastos de propaganda, imaxe e festas, lonxe dunha planificación sostible.

Ademais, as previsións socialistas sinalan que a débeda viva superará os 42 millóns de euros en 2027, mentres que os gastos financeiros anuais poderán dispararse desde os 491.000 euros ata máis de 1,7 millóns cando rematen os períodos de carencia dos créditos, o que supón un incremento do 247,43 %.

Bonificacións fiscais sen financiar e facturas retidas

González Abelleira tamén cuestionou a viabilidade das baixas de impostos anunciadas polo PP (IBI, ICIO e IAE) sen detallar como se compensará a perda de ingresos, á que se suma o mantemento da exención do IBI á Xunta de Galicia (uns 600.000 euros anuais).

Así mesmo, alertou dos 5,69 millóns de euros en gastos pendentes de aplicar e criticou o que cualifica como un modus operandi premeditado: «Retrasar os pagos aos provedores utilizando a escusa de que non hai cartos para cumprir os seus obxectivos electoralistas».

Finalmente, a edila reclamou rigor e transparencia na xestión do persoal municipal —advertindo que as melloras da RPT e a carreira profesional exixen consignación orzamentaria real— e esixiu ao goberno local que faga públicos os datos actualizados de remanentes, contratos e estado das facturas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios