Avante Ourense solicita que se investiguen as posibles irregularidades no pagamento das horas extraordinarias e a súa eventual declaración baixo conceptos como dietas.
Avante Ourense trasladou á Inspección de Traballo e á Axencia Tributaria información sobre posibles irregularidades relacionadas co pagamento de horas extraordinarias en KuBOX Modular, S.L., tras recibir o testemuño dunha persoa que traballou na empresa. A formación tamén reclama que se comprobe o cumprimento das obrigas laborais vinculadas á actividade mercantil da adxudicataria, que resultou adxudicataria dun contrato da Cidade Autónoma de Ceuta por importe de 713.212,50 euros para a subministración e instalación de 15 módulos prefabricados.
O testemuño recollido apunta a que determinadas cantidades vinculadas ás horas extraordinarias poderían figurar nas nóminas baixo conceptos como dietas ou manutención. Así mesmo, sinálanse posibles diferenzas no aboamento destas horas entre traballadores. Estes feitos están pendentes de comprobación e non poden darse por acreditados.
O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, sinalou ao respecto: ’’Non estamos a emitir condenas anticipadas. Estamos pedindo que se investiguen uns feitos que consideramos suficientemente relevantes como para poñelos en coñecemento das administracións competentes. Se todo se fixo correctamente, que se acredite; se houbo incumprimentos, que se depuren as responsabilidades correspondentes’’.
Desde Avante Ourense subliñan que a protección dos dereitos das persoas traballadoras e o control estrito no uso dos recursos públicos deben ser prioridades absolutas, agardando que os organismos competentes analicen a información achegada e actúen dentro do marco das súas atribucións.